O QUE SE COÑECE por Art Déco tivo a súa época dentro do modernismo. Nos anos 1910 e 1930. Foi un estilo que deixou arquitectura, mobles, xoias, e tamén pintura e escultura. A pintura tiña unhas características moi precisas acentuando a construcción dos obxectos nun certo realismo, características que tamén aparecen en plásticas que non se distinguen por Art Déco. Nestes últimos tempos vénse falando da pintora rusa Tamara de Lempicka, mais non se fala do madrileño Roberto Fernández Balbuena (en adiante Balbuena só), que antes da Guerra Civil era un mestre con obras importantes no Museo de Arte Moderno e Contemporáneo, que se correspondían co estilo Art Déco, posiblemente sen clasificar como tal. Durante a Guerra Civil, Balbuena foi nomeado presidente da Junta de Protección del Tesoro Artístico; tamén exerceu de subdirector do Museo del Prado, do que Picasso foi nomeado director. Rematada a guerra, Balbuena pasou a ser un exiliado máis, e no exilio morreu no ano 1966. Era arquitecto, obtivo o Gran Premio de Roma, restaurador de monumentos do Ministerio de Instrucción Pública, profesor na Escola Superior de Arquitectura e da Escola de Artes e Oficios... Parece ser que el e Juan Larrea foron os que axudaron a Bergamín en París antes de se ir a América. Balbuena tiña unha moza tamén pintora, trinta anos máis nova que el. Dende México chámaa decíndolle que xa non poderá voltar a España. Ela, Elvira Gascón, vaise e será a súa compañeira de toda a vida, e polo ano 1995 nunha entrevista que lle fan dirá que cando chegou a México atopou a Balbuena enfermo e desesperado, maldicindo a súa existencia en trance de se autoeliminar, nun estado lamentable que lle durou máis dun ano. Balbuena traballou o que puido e creou unha empresa con técnicos asociados, mais finalmente semella que se dedicou a pintar. Elvira conta que eles foron grandes amigos de Juan Rulfo, Alfonso Reyes, León Felipe. No ano 1998 o Centro Cultural Ollin Yoliztli celebrou unha exposición co lema Estrenando Patria. El Exilio Español en México , na que figuraban obras de Balbuena, xunto coas da súa muller Elvira Gascón, Moreno Villa, Luna e Souto, entre outros. Elvira veu morrer a España e con oitenta e catro anos dixo cousas moi deslavazadas. Recordo moi ben, entre outros, o magnífico núo que garda o Museo de Arte Moderno de Madrid. ¿Seguirá tendo a consideración que se merece xunto co drama do seu autor? Os poucos datos que teño arrepañounos unha historiadora de arte, María Díaz, discípula de María Luísa Sobrino, e que hoxe traballa a noso carón. Ela remata de tirar do prelo un libro sobre Barros Pumariño, un compostelán que tamén morreu no exilio, e que só Paco del Riego e Carlos Valle-Inclán tiñan recordos da súa existencia. Tamén Annick Boilève (viúva de Luís Baltar) o acompañaron nos últimos momentos en París. Recuperar a memoria de quen padeceron a historia morrendo lonxe da terra pola que loitaron é tarefa ardua. Canto máis se avanza nela máis lonxe se lle ve o fin. Hoxe facemos moitas e moi grandes cousas, inmensas, mais, en xeral, non lle atopamos as raíces, son como inventos, sempre en xeral, cargados de ar, ou inventos que xa foron inventados.