O toque das enclaustradas

OPINIÓN

DENDE HAI algún tempo as monxas concepcionistas de Mondoñedo non tocan á unha da mañá, hora que para mín era o final do día e para as monxas, miñas veciñas, o comezo doutro. Era un toque precioso, pausado, que se ía diluíndo lentamente no silenzo da noite ata perderse cos ecos da derradeira badalada. Sempre o escoitei con gusto e con respecto. Pregunteille a Xavier Loira, que é o médico do convento, por que no tocaban. El transmitiulles a pregunta e respondéronlle que eran xa moi velliñas e que por razóns de saúde están dispensadas dos primeiros rezos matutinos e do toque que os acompañaba. Alégrome polas monxas, que poderán descansar un pouco máis nas frías noites de inverno, pero non podo evitar botalo de menos, e non só por razóns estéticas. Dende un punto de vista relixioso, esas monxas de clausura que adican a súa vida a rezar son a parte contemplativa que se defende nos evanxeos na historia de Marta e María, unha afanada na casa, a outra agochada ós pés de Xesús, escoitando as súas palabras. Alí dícese que María escolleu a mellor parte. Dende un punto de vista laico, moitos se preguntarán qué sentido pode ter a vida dunhas persoas que non aportan nada útil á sociedade, que se afastan das familias e viven pechadas nos conventos e entregadas ós séus rezos. Di Unamuno en Del sentimiento trágico de la vida que a certeza absoluta e a duda absoluta acerca da inmortalidade non existen. No fondo da alma do crente máis seguro agóchase unha pequena voz que di: «Quen sabe», a mesma que resoa no fondo da conciencia do ateo máis convencido. É unha voz débil, semellante ao zumbido dun mosquito no medio da tempestade; parece que non a oímos, pero aí está. Ese «quen sabe» pecha o camiño a calquera fanatismo e abre o da tolerancia e o da esperanza. A mín aquel toque das monxas soábame como ese «quen sabe» unamuniano; un recordatorio de que hai outras maneiras de vivir. Unha chamada á paz, á serenidade. E, sobre todo, unha porta aberta ó misterio.