Voto emigrante

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

21 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

UN CONTO apaixoante o voto da emigración ao que, polo que se ve, ninguén se atreve a poñer couto. Non resulta doado ir contra a retórica da que se dotou Galiza respecto da epopeia da emigración. Asumiuse que os emigrantes tiñan dereito a voto sen límite e chegamos a unha situación absurdamente antidemocrática capaz de modificar resultados electorais. Semella atentatorio a non sei que sinal de identidade do país poñer en cuestión que os emigrantes teñan dereito a voto. O despropósito pódese ilústrar con muitos exemplos. ¿Cómo pode ser democrático que voten nas eleccións autonómicas fillos de galegos que nunca viviron aquí e non poidan facelo galegos censados noutras comunidades autónomas ou muitos residentes na Galiza, comunitarios ou non? ¿Alguén imaxina que a República de Irlanda concedera o voto aos case 70 millóns de descendentes de irlandeses que teñen censados polos mundo adiante porque tocan a gaita, celebran o San Patricio ou fan ligas de celtic games ? ¿Abundan os votantes arxentinos, mentres en Cuba, o outro núcelo principal de recepción de emigrantes, os votantes inscritos non chegan a 2.000? As peripecias arredor do desputado escano europeo que revalidou o BNG, dentro de Galeusca, están pondo de manifesto que a cera do Censo de Residentes Ausentes debera derreterse. Ademais de por en evidencia as lealtades duns dirixentes galegos do PP que prefiren un deputado galego menos, a conta dun deputado partidario máis ¿Imaxinan a presión pública se en Cataluña fixeran o mesmo? En Galiza sabemos do escaso control sobre eses votos por correo nas autonómicas: o mesmiño que no Referendum de 1964, tamén aquí poden votar os mortos. Os votos da emigración poden facer mudar escanos (xa ocorreu) e son a ameaza para garantir maiorías do PP. En realidade, o celeiro dos votos emigrantes, tan traballado e engordado polo goberno Fraga, baséase nunha grande farsa que busca garantir o seu dominio electoral na Galiza. De feito, o volume de voto emigrante só se explica porque goberna un partido que perde votos por razóns vexetativas -mórrenselles os votantes e non nacen- e precisa dun censo alternativo xestionabel que garanta a súa continuidade no poder. Indo ao fondo, compre preguntármonos cal é o fundamento dos dereitos políticos dos emigrantes e por que razón son cidadáns con dereito a voto. Hai dúas grandes tradicións europeas para fundamentar os dereitos de cidadanía contemporáneos. Para o nacionalismo alemán é alemán quen ten sangue xermana, aínda que foi recentemente corrixido para subsanar a inxustiza de que tiveran máis dereitos os descendentes de alemáns do Volga ruso que os turcos alemáns de terceira xeración. Para o francés, é cidadán quen residen e tributa en Francia. Por suposto hai variantes, como a do Reino Unido, na que os cidadáns son os súbditos do imperio ou a variante israelí que convirte en cidadán a quen presente certificado dun rabino conforme é de relixión xudea. A fórmula galega é a alemana sen corrixir. O certo é que os votos da emigración foron a fórmula que Fraga atopou como incontestabel para garantir o seu dominio. Vai sendo hora de contestalo, sen complexos.