O PAPA VOLVÍA pedir o martes desculpas polos crimes cometidos pola Inquisición na Historia. Pedíanolos a nós, que non temos nada que ver coas víctimas da Inquisición, e pedíanolos el en concreto, que tampouco é directamente culpable daqueles crimes. Algún día, un presidente norteamericano pedirá perdón polas torturas de Iraq, pero será cando non queden víctimas en Iraq nin verdugos en Estados Unidos. Así é a filosofía do perdón histórico: rectificar só o pasado, non o presente. Rectificar o que non se pode xa rectificar, o que xa non importa. Rectificar, en definitiva, non para evitar erros senón para gañar credibilidade e poder cometer outros novos con máis seguridade. Así é. O Pontífice fixo coincidir este acto de contricción coa presentación no Vaticano dun libro sobre as actividades do Tribunal do Santo Oficio, onde se leu unha carta na que o Papa pedía excusas en nome dos seus antecesores no cargo, en particular Gregorio IX, que creou a Inquisición no século XIII. Algunhas das cifras que aparecen no libro son, certamente, terribles, como a execución de 25.000 persoas en Alemania por bruxería (en Lichtenstein, país polo que o Diaño pareceu demostrar unha especial predilección, pereceu un 10% da poboación por este motivo). Pero o Papa engánase, porque o curioso é que a Inquisición, na realidade, non cometeu ningún crime. Na época, era unha institución que non só actuaba legalmente en todo o que facía, senón que mesmo era máis garantista, como se diría hoxe, que os outros tribunais eclesiásticos e civís. No reino de España, en trescentos anos, de máis de 40.000 encausados pouco máis do 1% foi condenado a morte (imaxino ós conservadores da época, falando de que os presos da Inquisición «entran por unha porta e saen por outra», pedindo o aumento das penas, lamentando a comodidade das prisións; sempre é así). Si, a Inquisición era legal, e lexítima para o seu tempo. Cumpría co que entón se consideraba que eran os dereitos humáns. Hoxe non nolo parece (e con razón); e, sen embargo, ista rectificación non nos leva, como parecería lóxico, a plantexarnos se outras institucións, e leis, e comportamentos, que hoxe nos parecen ben chegarán algún día a verse como criminais e miserables. Todo o contrario, parece como se a constatación dos erros do pasado non fixese senón confirmarnos na seguridade de que xa non cometemos erros. E, desgraciadamente, non é así.