O desembarco en Normandía

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

NON TEN dúbida que o esforzo e o sangue que custou hai 60 anos este desembarco é un feito que merece ser recordado con solemnidade, incluida a presencia dos norteamericanos que foron os que máis material de guerra aportaron e pode que os que máis sangue verqueron. Hai que ter en conta que un ano despois remataba a guerra, e esto nos leva a relembrar como se desenvoltou ao longo de 5 anos a II Guerra Mundial. Cando facía 4 meses que rematara a Guerra Civil española (con todo o que Alemania e Italia aprenderan nela) en setembro do 39 entran en guerra contra Alemania, Francia e Inglaterra cumprindo un compromiso de axuda mútua contraído con Polonia atacada nese momento polos nazis, deixando atrás as claudicacións do Chamberlain e dos reac cionarios que o apoiaban frente a esa figura insigne que, aínda que conservador, era W. Churchill. O poder que acumulara Hitler en pouco tempo permitiulle ocupar Francia e se facer con toda Europa dende Noruega até Grecia e acosar salvaxemente a Inglaterra, onde empezou a sonar eso de coventrizar como forma de facer desaparecer cidades a base de masacralas con bombardeos, como o están facendo hoxe cos musulmáns a camarilla dos Bush e dos Sharon. ¿E que facía Norteamérica vendo destruídas as democracias europeas? Pouco, ou nada: facilitarlle algún material a Inglaterra que Roosvelt conseguira arrancar das Cámaras como unha lei de préstamo e arrendo aos seus proxenitores os ingleses. Non hai que esquencerse que Norteamérica tiña dentro un movemento influinte, de tipo fascista. Recordemos a Lindbergh... Mais o 7 de decembro do 1941 os xaponeses, que no seu afán imperial estaban papando Asia, déronlle aos ianquis a puñalada traidora de Pearl Harbor, mentras no outro lado do eixo (formado por Alemania, Italia e Xapón, e o aplauso de Franco e de Oliveira Salazar) os alemáns indadían Rusia co propósito non disimilado de se chegar a dar a man cos de oriente no medio do camiño e dominar o mundo. Os norteamericanos danse conta que non lles queda máis camiño que meterse na guerra ao lado de ingleses e rusos, para que a guerra non lles chegue ás súas costas. Por fin, o 9 de novembro do 1942, desembarcan en Casablanca en na Cirenaica e a mediados de xuño do 44 chegan a Roma. Por estas datas está o desembarco de Normandía, e en agosto liberan París. Agora tiñan presa en avanzar porque a finais do 1942 os rusos xa lle cortaran a cabeza ao exército alemán e a partir dese momento quen estabamos preocupados por esto sabiamos que Alemania tiña a guerra perdida e o exército non faría máis que recuar, e así cando os exércitos de occidente logran darlle a man aos rusos estos xa ocupaban as nacións centro-europeas e revasaran Berlín. Hoxe, Norteamérica, dominada polo nefasto neoliberalismo, o dominio mercantil de todo, na súa prepotencia saltouse toda lei internacional e, mentindo, ocupou Iraq. A Europa góstalle gardar as formas e non está de acordo co procedemento ianqui, máis aproveitan o do Desembarco para facer unha reconcilicación con eles porque hai algo que teñen en común, que é a explotación de calquer forma do petróleo para poder aguantar uns anos máis esta ficción do progreso que é, en xeral, a sociedade de consumo, e alonxar con torpeza a explosión do período crítico, onde pode haber de todo dende a desesperación e o suicidio total dunha guerra nuclear.