A MORTE de Ronald Reagan significa, cando menos para min, unha volta emocional á década dos 80. O ex-presidente americano chegou ao poder a comezos da década, cando eu estaba a rematar o bacharelato. A Dama de Ferro xa gobernaba desde 1979: Thatcher, the milk snatcher (a ladroa do leite), dicíanlle popularmente cando suprimiu o programa social de distribución de leite nas escolas británicas. Con eles principou unha década que trouxo consigo a xusta caída do comunismo soviético e o inxusto triunfo internacional das políticas neoliberais. Tamén acababa de vencer en Nicaragua a Revolución Sandinista, coa que eu, que espertaba ao mundo, me identificaba ideoloxicamente. Eran aqueles tempos en que escoitabamos os irrepetibles informativos de Radio 3 e á noite El loco de la colina. E mentres en EE.?UU. se estendía unha onda de patriotismo ao ritmo dun Bruce Springsteen que cantaba Born in the USA, aquí militabamos no antiamericanismo, amplificado durante a visita de Reagan. A súa obsesión anticomunista (non en van fora delator dos seus propios compañeiros actores durante o macartismo) propulsou a Guerra das Galaxias e unha carreira armamentística que deu pé nos EE.?UU. a un déficit público sen precedentes. Reagan financiou a guerra sucia contra a Revolución Sandinista subvencionando aos ex-gardas do dictador Somoza cos fondos que obtiña da venda ilegal de armas ao Irán islamista de Jomeini (escándalo Irangate). Era a época en que os manuais da CIA aconsellaban atascar todos os váteres de Managua para incitar o desánimo da poboación. En xullo de 1985, cando eu era un universitario que viaxaba pola Suecia de Olof Palme a golpe de mochila, Reagan foi operado de cancro de colon, provocando unha caída da moeda americana que derrubou a miña precaria economía de viaxeiro con escasos dólares no peto. En 1986 volvín atoparme coa súa sombra cando viaxaba por Alxeria. A aviación americana bombardeou Trípoli coa frustrada finalidade de asasinar a Gadafi cando eu estaba a menos de 100 quilómetros da fronteira libia. Naquel ataque morreron 36 persoas (entre elas, unha filla do propio Gadafi). A agresiva política exterior de Reagan orixinou unha época de confrontación en Oriente Medio que aínda continúa hoxe, con este Irak masacrado por Bush, quen agora rende tributo e trata de sacar partido electoral daquel outro presidente, igual de bruto e de inculto.