EN BARCELONA estamos vivindo, con pouco ou moi pouco entusiasmo (dependendo isto do cristal co que se mira) desde hai xa algunhas semanas o acontecemento vendido e coñecido como Fórum das Culturas, en realidade chamado Fórum Barcelona 2004. O das Culturas quedou... ¿quen sabe onde quedaría? Dicíase antes da súa inauguración que ía ser unha convocatoria tan importante e universal como os Xogos Olímpicos do 92. Home, as comparacións sempre resultan odiosas, mais... unha cousa é que os actos non teñan transcendencia planetaria, e outra, máis grave, que non interesen nin ós propios barceloneses, ¡coa que está caendo a nivel nacional e internacional! Como adoita ocorrer nestes casos, o problema vén de lonxe: tiven ocasión de asistir, xunto con outros presidentes de entidades rexionais con sede en Barcelona, a unha das xuntanzas organizadas con anterioridade á inauguración do Fórum. Reclamaron a miña colaboración porque querían que algúns símbolos da Galicia máis tópica estivesen presentes no evento. Algúns asistentes aceptaron a proposta compracidos, pero como eu discrepei, xa non fun convocado a posteriores xuntanzas. Faltaban entón dous anos para o inicio do Fórum e xa naquel momento se percibía que a sensibilidade dos seus directores con relación ás culturas peninsulares era máis ben escasa e superficial. En consecuencia, neste 2004, no Fórum Barcelona, a imaxe de Galicia, como ben lembraba La Voz de Galicia, limítase a unhas racións de empanada galega, doce palabras da nosa fala nun vídeo e unha plaquiña co topónimo do país galego rodeada de chapapote. Ben é certo que destacados escritores e intelectuais galegos participan nos diálogos do Fórum (Suso de Toro, Ramón Villares, Bieito Rubido...), aínda que non estou seguro de que veñan como abandeirados da cultura da que proceden, senón para achegar os seus saberes en mesas e debates de estrito interese académico. Parece cousa do destino: outra vez Galicia está subrepresentada, mais hai galegos por todas partes participando como os que máis; dúas realidades que non acaban de atoparse: a Galicia virtual e a Galicia verdadeira. Pero digamos tamén que esta reivindicación da nosa realidade auténtica só pode nacer de nós mesmos, e concretamente en Barcelona daqueles galegos que nos resistimos tanto a ser ignorados como a ser falseados na nosa esencia. E ó mesmo tempo que somos críticos, tamén debemos ser autocríticos, porque como emigrantes que levamos xa varias décadas vivindo fóra de Galicia tiñamos moito que manifestar sobre o feito mesmo da emigración, sobre a explotación dos que acaban de chegar, sobre os problemas da integración social, de defensa da propia cultura. Nada disto apareceu nin aparecerá no Fórum, que para nós é xa unha ocasión perdida, outra das moitas que estamos malgastando ano tras ano. Malo para Galicia, paisanos meus. Malo tamén para Barcelona, alcalde Clos.