DECIAMOS ONTE que PSOE é un partido con dificultades para facerse cribel na Galiza. Cando goberna en Madrid, aquí divaga entre ser delegado de Goberno ou alcalde. Conta cunha fonda raigame cultural, social e sindical que o identifica como un grande partido da esquerda tradicional na Galiza. Mais ten un innegabel problema para demostrar que é unha institución capaz de responder aos problemas e ás demandas do país. A historia é túzara e o presente non pode substraerse dela. Na República non foi nada favorabel ao Estatuto de Autonomía. Aínda que si o foron algúns socialistas como o sempre (e case único) citado Quintanilla. Era o partido da localizada clase obreira que se construía en español fuxindo do mundo rural. O vello conflicto campo-cidade en estado puro. Tiñan aos galeguistas por uns intelectuais dos que desconfiar ou uns aldeáns que cheiraban a esterco. Para os gobernos socialistas de 1982-1996, Galiza non foi unha prioridade. Foi un territorio amortizado á dereita, onde recaudar votos nas xerais nunhas cantas cidade e vilas. Sabémolo pero compre lembralo. Nin nas infraestructuras, nin na reconversión industrial, nin na negociación agraria e pesqueira para entrar na CEE contaron os intereses galegos, singulares fronte aos territorios nos que o PSOE ten o peto dos votos. ¿Ou é que o AVE a Sevilla ten máis lóxica económica que un AVE transcantábrico, visto dende este recuncho ou dende Bruxelas? Tomouse aquela decisión e non parece que se vaia tomar esta. Todos os indicios do que podemos agardar os galegos do novo Goberno son xa negativos. Non é doado mudar a historia da relación do PSOE con este país granítico e fistérrico. A ilusión da constitución do Goberno de Zapatero -votado mesmo polo BNG- non tardou en comezar a esfarelarse na Galiza, coa axuda dun Fraga que sabe moi ben como adiantar a frustración. Na Galiza, o galeguismo político non só se explica pola forza dun feito diferencial, por razóns lingüísticas ou históricas, senón tamén por razóns territoriais. É o medio de superar a escasa cota de poder que a nosa posición territorial e demográfica nos concede no Estado. De non resignarnos a ser subsidiarios. De intentar evitar ser os últimos nos planos de estradas e os primeiros na seguinte reconversión. O nacionalismo é expresión dunha sociedade que non quere conformarse con agardar ao veraneo das elites madrileñas, de orixe galego ou leonés Preocupábame que Zapatero falase do NW porque Galiza fica alén de León e Zamora. Agora, esa débeda recoñecida a Andalucía equivale a catro portos exteriores (Camilo Nogueira dixit ). As respostas da ministra de Fomento son desacougantes. Izar-Fene e Uro-Santiago non poden competir cos intereses de Chaves por ben que fabriquen. O Plano Galicia augurábanos inauguracións de maquetas. Agora ofrécennos estudos. O sucesor de Fraga, ou el mesmo, está empezando a gañar as próximas autonómicas a resultas da crise institucional que necesitamos. O PP vai fabricala e o BNG pode debilitar ao goberno de Zapatero pero sen unha urxente crise no PSOE d'eiquí , Quintana non será presidente e Touriño, menos.