EN EUROPA está, cada vez máis, a chave do noso futuro. Con todo, as convocatorias electorais para elixir os representantes ao Parlamento Europeo son as que máis indiferencia producen na maioría da poboación. Se cadra é porque Europa -a idea de Europa- aínda está desdebuxada e moi afastada de nós. Ou se cadra porque as institucións europeas non souberon, até o de agora, proxectarse a través dun diálogo, fluído e humano, coa cidadanía. A cuestión é que Europa avanza por un camiño polo que todos e todas temos que transitar con frecuencia crecente. Pero ese é un camiño culturalmente unificador, pois as imperantes leis do mercado homoxeneizaron esta Europa cada vez máis igual. Así que agora o que está en xogo non é tanto a cor política do Parlamento europeo senón, sobre todo, o modelo da Europa do futuro, dotada de Constitución propia. A Europa encamiñada a se construír case exclusivamente a partir da súa configuración como mercado non deixa de ser unha simple corporación baleira de contidos, unha casa sen cimentación carente da identidade precisa para que a súa cidadanía se recoñeza nela. Para que a Europa do futuro sexa unha entidade cercana a quen a habita é necesaria unha premisa fundamental: ten que construírse a partir das súas diferencias. E, para iso, é imprescindible que lexitime as súas distintas nacións -aos seus pobos- a fin de que poidan participar directamente nas dinámicas de negociación e na elaboración das directrices económicas, políticas, sociais e culturais que posteriormente deben asumir. Unha Europa en que a interlocución lle corresponde, en exclusiva, aos Estados está condenada a ser unha Europa desartellada, inconexa e, por suposto, reduccionista. Unha Europa, por exemplo, que non garanta os dereitos lingüísticos dos galegos -ou a especificidade da súa producción leiteira-; que ignore que unha das súas máis ricas e fecundas tradicións culturais se expresaba en provenzal, a lingua de oc (e non na lingua de oil, que é o francés que se impuxo politicamente); que non sexa consciente de que os lapóns son unha minoría con territorio interfronteirizo; que ignore que en Italia se falan máis dunha dúcia de linguas; está condenada a ser unha Europa desmemoriada, unha Europa sen pasado e, daquela, sen futuro. Só esa Europa plural, e cultural, que recoñece as diferencias e dignifica legalmente as súas nacións, con ou sen estado, responderá a unha idea verdadeiramente democrática e solidaria, con visión de futuro.