CO MINISTRO BONO pasa como pasaba con Santo Tomás Becket, e apresúronme a explicar onde está o parecido: Contan que o santo inglés, querendo facer fronte ás críticas suscitadas polo seu bastante raro nomeamento para o cargo de arcebispo (daquela era un vividor e máis ben ateo, o que resultaba aínda máis problemático), Santo Tomás, digo, renunciou a todos os seus honores, ricos vestidos e as xoias que viñan co posto. «A vaidade deste home non ten límites», dixeron entón os seus críticos, «agora ademais quere pasar por humilde». E tiñan razón, porque o mártir de Canterbury fixera un frío cálculo e chegara á conclusión de que era máis rendible renunciar a esas xoias e honores. E Deus debía de estar de acordo con el, porque o fixo santo, o que, para un home de Igrexa, se pode considerar todo un espaldarazo. Ben. O mesmo coa medalla que lle concedeu a Bono o seu propio Goberno e que causou, con razón, tanto escándalo. Primeiro Bono deixa que o propoñan para esa medalla ó Mérito Militar (un termo que se me antolla certamente vago), e mesmo abandona a sala mentres o Consello de Ministros decide concederlla en premio polo seu papel na retirada das tropas de Iraq. Exhibida así a súa imparcialidade, acepta Bono a condecoración, mostrando a súa gratitude. Pero logo rexéitaa, poñéndose entón por encima do honor conferido. A vaidade deste home, diría un, non ten límites. Claro que Bono podía ter rexeitado a medalla antes de que llela concederan, pero entón tería quedado sen nada para presumir. Así queda sen medalla igualmente, pero polo menos pode presumir de humildade. Como dicía o poeta, «un sí es un no de otra manera» e o mesmo se pode dicir do non , que é un si doutra maneira. O non de Bono á medalla é un si a outra condecoración de rango superior que se outorga a el mesmo, que é a do «cariño do pobo español», como lle chamaba onte a esa aquiescencia que sempre despertou en España o poder exercido sen complexos. En fin. Poñerse medallas é como chama a xente ó hábito de ensalzarse a un mesmo máis alá do aceptable. E isto é o que hai que recoñecerlle de momento a Bono: o de ter atopado o xeito de poñerse medallas precísamente quitándoas. Non sei se é un mérito militar, pero desde logo, si que é todo un mérito. mmurado@yahoo.com