Moción de censura

FRAN ALONSO

OPINIÓN

CO REXEITAMENTO dos orzamentos municipais en Vigo retornaron as conxecturas dunha posible moción de censura. Son conxecturas circunstanciais, pois a derrota dos orzamentos de Corina Porro responde a unha coincidencia puntual e non a unha estratexia programada da oposición; as relacións entre o BNG e o PSOE seguen exactamente igual a como estaban no momento da ruptura. En calquera caso, sorprende a inmadura reacción da alcaldesa cando declara que «estes feitos non poden quedar impunes». Sorprende porque votar en contra duns determinados orzamentos é unha opción democrática que a propia lei lles concede aos nosos representantes, e constitúe, xa que logo, un acto lícito. E sorprende tamén porque cando se goberna en minoría é dunha enorme inxenuidade política pretender que se aproben uns orzamentos que non foron previamente pactados coa oposición. Certo é que o rexeitamento dos orzamentos é unha mala nova para a cidade. Éo agora e foino durante o primeiro ano do mandato do BNG, cando o PSOE -o seu suposto socio de goberno-, daquela liderado por Carlos Príncipe, bloqueou reiteradamente a aprobación dos orzamentos municipais, co silencio, por certo, de todas as forzas vivas da cidade. E se é verdade que agora BNG e PSOE foron máis ben parcos á hora de explicarlle á cidadanía o motivo polo que rexeitan os orzamentos e non presentan alternativas, é contradictoria a acusación de que a oposición carece de proxecto, precisamente porque a acción municipal do PP vigués baseouse ata o de agora en reforzar o camiño aberto polo BNG no seu mandato, especialmente no referido ao PXOM e ás actuacións destinadas a converter Vigo nunha cidade máis humana. Ora ben, todos estes feitos non implican que sexa lícita unha moción de censura. Se algún dos dous partidos da oposición -maioritaria en votos- está pensando en levala a cabo, cometería un profundo erro. Os vigueses e viguesas veríana como un despropósito contra a estabilidade institucional da cidade. Para a esquerda -BNG e PSOE- nestes momentos a prioridade debe ser a de airearse renovando os seus respectivos líderes e a de preparar unha alternativa sólida e atractiva para as seguintes municipais. E o que sucede en Vigo ten moita máis incidencia en toda Galicia do que semella a simple vista.