O CAMBIO de Goberno en Madrid está a ter consecuencias evidentes sobre a política galega, que estes días ve alterada a súa viciada dinámica de funcionamento. A nova situación modifica considerablemente as relacións entre Santiago e Madrid, e o eterno sobrevivinte Manuel Fraga adopta novas directrices, sentíndose, aínda que pareza unha contradicción, con maior liberdade de movementos, pois minimiza a súa incapacidade para impoñerse ao PP da rúa Génova. Sen dúbida, a apertura de vías de diálogo coa oposición, un escenario ben pouco frecuente nos ensarillados de San Caetano, interésalle a un Manuel Fraga que, tras o seu impopular papel na catástrofe do Prestige, desexaría despedirse do poder cunha imaxe que o convalide como o gran mandatario de Galicia. Claro que esa apertura do diálogo se produce, polo de agora, só cunha parte da oposición, a que encabeza Emilio Pérez Touriño, é dicir, co PSOE, tal e como antes da catástrofe do Prestige se producira só co BNG. Por outra banda, Fraga acaba de facer explícita a súa intención de deixar o discurso político do nacionalismo á marxe do debate. O diálogo volve ser, xa que logo, un instrumento político a favor dos intereses do poder. Ese mesmo diálogo nin sequera foi considerado como posibilidade polo PP durante a catástrofe do petroleiro, un momento crítico que esixía un esforzo integrador e participativo. En todo caso, esta apertura de diálogo beneficia tamén a un PSOE que se sitúa nun bo posto de saída para as autonómicas e que quere presentarse ante o electorado como unha forza institucionalizada, capaz de redirixir a política de Estado co apoio do Goberno de Zapatero. En Galicia sempre se votou en clave de Estado, aínda que historicamente esa actitude dese resultados moi escasos fronte aos obtidos por cataláns e vascos, que votan en clave reivindicativa. De feito, a exclusión do discurso do nacionalismo pode acelerar as dúas velocidades dos teitos competenciais, cunha Galicia que desde hai anos está a quedar moi por detrás das súas posibilidades. O diálogo como estratexia política dalle bos resultados ao poder cando non se cre nos rasgos identitarios de Galicia, pero o que de verdade precisamos agora é a cultura do diálogo como xeito de construír un país. E tamén, non o esquezamos, algo máis urxente: un fluído diálogo entre a esquerda para crear unha alternativa ilusionante.