Día das Letras Galegas

| XOSÉ LUÍS BARREIRO RIVAS |

OPINIÓN

HOXE, Día das Letras Galegas, gustaríame ir á facultade e falarlle aos alumnos da Ciencia Política escrita en galego, e da importancia que ten o esforzo que facemos para falar das cousas do mundo no noso idioma. Pero non podo facelo así porque é día festivo, e temos a Universidade pechada. Tamén me gustaría saír de paseo e aproveitar a tarde para mercar algúns libros que levo atrasados. Pero tampouco isto me vai ser posible, porque o 17 de maio é unha ponte festiva, e todas as librerías fican pechadas en cidades case desertas. Meus sobriños Marcos e Santiago falan o mellor galego que eu coñezo. A miña irmá arriscouse a socializalos en galego ata que foron á escola, e toda a familia puido gozar dese intre no que un neno se decata de que a xente de Forcarei tamén sabe falar castelán e dicir verbas tan raras coma «desayuno» e «temprano». Por iso gustaríame que hoxe fosen á escola e que un mestre lles explicase que o noso idioma é o galego, e que ten moito senso o esforzo que fixeron para non relegalo a un estatus familiar. Pero non llo van explicar, obviamente, porque o Día das Letras Galegas é festivo, e a escola está pechada. Eu mesmo estaría disposto a acudir a algún acto social ou cultural que me lembrase que podemos vivir en galego, e que a nosa lingua tamén se pode falar con políticos importantes, mozas fermosas, homes ricos, mulleres elegantes, intelectuais consagrados e burgueses decadentes. Pero todos eses actos, se os houbo, xa se fixeron en días pasados, porque o Día das Letras Galegas é festivo, e ninguén fica na súa casa para participar nestas andrómenas nas que un se aburre de verdade, falando de pé e con un vaso na man. Podería ir ao cine en ver unha película en galego, pero non hai. Tamén podería quedar na casa a ver a Televisión de Galicia, pero non soporto o seu oficialismo. E incluso estaría disposto a ir a unha misa en galego, pero non coñezo igrexas nas que se oficie a cotío en galego. E por iso pasarei o Día das Letras Galegas na praia, tomando o sol, e escoitando ás tertulianas que falan dos vestidos de dona Letizia. Porque é festivo, e non teño outra cousa que facer. Claro que xa puiden celebrar as letras galegas na semana pasada, cando a miña Universidade, os colexios, as librerías e as institucións adiantaron as cerimonias. Pero eses días non me dá a real gana de ir a ningún sitio, porque habendo un propio Día das Letras Galegas, considero un fraude a súa trasposición. Por eso decidín contribuír ao formalismo xeral escribindo en galego o artigo de hoxe. Porque sei moi ben que rachar a normalidade castelá cun só artigo en galego é coma rezar. Un feito moi propio para un día tan festivo.