Contra a soidade

OPINIÓN

UN VELLIÑO sen familia nin achegados, recollido nun asilo, ó que un visitante oficial preguntóulle qué quería que lle trouxesen os Reis de regalo, contestou: un móbil. Todos pensaron que chocheaba. Pero non había tal. Para moita xente o móbil é un instrumento que facilita o traballo, pero ese carácter non explica a proliferación do aparatiño entre adolescentes, xubilados, amas de casa, parados e traballadores en horas de vagar e fins de semana. Coido que a adicción ó móbil procede do sentimento de compañía que produce. Sentes que, se apertas un botón, a persoa con quen queres falar ou á que queres ver vai estar ó alcance da túa orella e agora tamén dos teus ollos. É, igual que o de voar, un vello soño da humanidade que a técnica fixo realidade: facer clic e que apareza a persona que queres. E mesmo sen facelo. De súpeto, cando menos o agardamos, soa ou trema o aparatiño e chega a nós esa voz que non necesita identificarse porque poderíamos recoñecela entre todas as do mundo. O sentimento de frustración que se experimenta cando non hai resposta é máis agudo que cando se fai a un telófono fixo. Da casa pódese estar ausente por múltiples motivos, a ausencia pode ser involuntaria, pero o móbil lévase posto e se non contesta, quere dicir que a persoa denéganos deliberada e voluntariamente o acceso á súa intimidade. E de aí tamén que a maioría das conversas a través do móbil non respondan a unha necesidade material senón psicolóxica: nas esperas dos aeroportos, nos atascos, nas ceas solitarias das viaxes de traballo, nas colas de todo tipo, o móbil ofrece unha vía de escape á situación, un paréntesegrato, unha especie de oasis no que se collen forzas para aguantar e seguir. Ou, nos bos momentos, ofrece a posibilidade de poder dicir a quen queremos: gustaríame compartilo contigo. Todo esto dalle ó móbil un certo carácter de obxecto máxico, de talismán contra a soidade. O que o velliño quería é ben fácil de entender: estaba pedindo compañía.