LONXE DE MIN a intención, se tal fora posible, de amolar. Como en tantas cousas que vivimos, andamos os galegos fachendosos do noso, e a elo non escapa a autocomplacencia dos que andamos no mundo da investigación e da innovación. Mais a realidade é teimuda, e se España vai no investimento na innovación nos últimos postos da Europa, Galicia tamén anda, un comparar, por tras das comunidades de poboación parella (País Vasco, Castela-León). O tanto por cen do producto interior bruto investido apenas chega ó 0,7 e, peor, non damos contado cinco investigadores por cada milleiro de habitantes. Lamentablemente o coñecemento precisa de seres humanos adicados a procuralo. E nesas anda a Unión Europea que nos seus estudios, por máis utópicos que poideran ser, mantén que por cada novo posto de traballo na investigación e o desenvolvemento se poden xerar -cando menos- cen novos empregos. Nestes vinte anos o número de investigadores en Galicia medrou segundo iba o desenvolvemento do ensino universitario. Primeiro como efecto da lei de reforma universitaria e logo, con máis intensidade, cando a creación das tres universidades e de numerosas facultades e escolas. Resposta, asisada ou non, ó incremento do alumnado. Agás os centros tecnolóxicos sectoriais, e algún de servicios científico-técnicos, o Goberno galego non fixo ningunha aposta decisiva en ningún eido da investigación, nin creando centros, nin aumentando os recursos humanos naqueles que ten de seu. O Goberno central a penas seguiu en Galicia o medre medio dos seus centros no conxunto de España, e contrariamente a outras comunidades autonomas, tampouco desenvolveu novos centros ou potenciou os existentes. O devalo no alumnado universitario, hoxe con pouco máis de oitenta milleiros que a penas chegarán á metade no 2010, evidencia que o medre de recursos humanos na universidade non virá da mán de mais alumnos. Os programas de incorporación temporal de novos investigadores son pan para hoxe e, mesmo, menos da unha pedra, pero non un camiño de solución. Nestes anos de goberno propio desenvolvéronse plans e actuacións na innovación e na investigación. Con todas as melloras, estamos onde estamos. E amais da necesidade obvia de aumentar o gasto en investigación, compre reflexionar. Innovar si, mais ¿quen?