Cine e milagre

OPINIÓN

MENCIONÁBALLES EU hai algún tempo o caso daquel asasino, quen, comovido despois de ver a película de Mel Gibson sobre a Pasión de Cristo, entregárase á policía e confesara o seu crime. Este confeso, que eu describía como un moderno San Dimas, estrangulara á súa noiva pero, un tanto sorprendentemente, lograra facer pasar o crime por un suicidio (o que, por certo, non di moito do talento da policía de Texas, que foi onde sucederon os feitos). Como digo, eu contáralles esta historia ó falar da película de Gibson, razoando de paso que, con estes sucedidos marabillosos, a película se estaba a converter nunha inopinada reliquia da Semana Santa, capaz de obrar milagres como a conversión e confesión deste tejano pecador. Por iso teño agora que rectificar, porque leo na prensa que aquel home acaba de ir a xuízo polo seu crime. E para sorpresa miña, e supoño que de Gibson (pero non de Deus, que xa o debía sospeitar) vai e se declara inocente. En fin. Así que o elemento, que eu lles presentara como un San Dimas (o bo ladrón que confesou para salvarse, despois de ver a Crucifixión) resultou ser en realidade un San Pedro (que negou, despois de ter afirmado, ata un total de tres veces). Os milagres son así. Como dicía Eduardo Haro, son incomprensiblemente incompletos (Lazaro resucitou, pero logo morreu de vello; a Virxe desviou a bala que alcanzou a Xoan Paulo II, pero desfíxolle o fígado). Este tamén sería un milagre incompleto: o home arrepentiuse, pero non de maneira definitiva. Gibson non obrou o prodixio. Aínda por riba, a noticia deste fiasco do que podía ter sido o primeiro milagre recoñecido dun actor de Hollywood coincide con outra que di que o filme cae en picado nas taquillas. Así que Mel Gibson parece que non só empeza a fallar no divino senón que tamén no humano. Son as limitacións do cine como vehículo de piedade. Despois de todo non é o mesmo un acto de contricción polo Noveno Mandamento que pola Sétima Arte. ¿Quen sabe?, ó mellor (e esta é a miña teoría) o asasino arrepentiuse vendo La Pasión pero logo cambiou de idea vendo Testigo de cargo , por exemplo, onde un culpable finxe ser inocente. É o que ten o cine, que a diferencia da moral e da Relixión, predica cousas moi distintas de cada vez.