ISO É o que sosteñen hoxe algúns analistas. Algún pensa que se trabucaron en todo os neocons e que a xente está empezando xa a afastarse deles, incluída a dereita tradicional, con Bush á cabeza. Aínda os que foron máis partidarios de ir á guerra, dubidan agora. Que xa é algo. Non deixa de ser ironía que, xusto cando parece que todo iso está sucedendo, apareza Aznar cun artigo nun xornal dos EE.UU. defendendo a guerra de Irak, e que o faga, ademais, cuns criterios que xa moi poucos toman en conta naquel país. Os seus alumnos americanos van ter material abondo para algunha rexouba. É un alivio que xa non estea na política activa. Pero non deixa de ser un pesadelo que siga inspirando a política do seu partido. É mala cousa que quen perdeu as eleccións, no canto de asumilo, se esforce en demostrar ós votantes que votaron mal. E moito peor aínda que o faga dende posicións ferreñas, numantinas, que xa nin os neocons defenden, e cando estes se van preparando para dicir que non dixeron o que tiñan dito.