O MESMO que lle sucedía a Rodrigo Díaz de Vivar (a quen os árabes, non os casteláns, chamaban «Sidi», «Cid», é dicir: señor) sucédelle a José María Aznar, pero ó revés. Se o heroe de Burgos gañaba as batallas despois de morto, o político e Valladolid parece que as perde despois de cesado, que é o equivalente a un deceso en política. Así sucedeu, de feito, no debate do luns no Parlamento sobre as tropas de ida e volta, no que, aínda que recitaba Rajoy, quen falaba era Aznar, tratando de xustificarse retrospectivamente. Rajoy, por seguir co Romancero , batíase polo seu antigo señor e tomáballe ó de León a xura, como no romance de Santa Gadea de Burgos, e pedíalle explicacións, e facíalle preguntas, como ó Cid a Alfonso VI. Igual que entón o Cid, o luns perdeu Rajoy, inevitablemente. Zapatero tiña gañado o debate desde o momento en que anunciou que «xa non había ningún operativo español en solo iraquí». Rajoy podía darlles voltas e máis voltas ós formulismos de que se o presidente informou ou non e de se se votou ou non, que non hai argumento máis poderoso que o alivio que dá non estar nunha guerra. Rajoy pode empeñarse canto queira, que, pensen o que pensen os españois sobre a retirada das tropas, o que non van pensar nunca é que é unha vergoña; e se pensan que é unha vergoña é difícil que lles preocupe. Eles, nós, a xente, teñen ou temos unha frase para iso: a de que «unha retirada a tempo é unha victoria». E fronte a esta sabedoría popular non hai formulismo que valla. Existe, de feito, un romanticismo da retirada do que xa falabamos algo nesta columna días atrás. Non é só a sabedoría popular a que se mostra comprensiva coas retiradas, tamén a memoria das nacións. Algunhas perduran na Historia máis que moitas victorias. Dunkerque, ou a retirada de Moore desde A Coruña (o que nós coñecemos como batalla de Elviña) son aínda reverenciadas. A Historia mesma, como xénero, inaugurouse contando unha retirada ( A retirada dos dez mil , de Xenofonte). Ata os Estados Unidos naceron, ó cabo, do que non foron máis que unha sucesión de retiradas do xeneral Washington, que gañou a guerra a pesar de non ter gañado nunca unha batalla, e que gañou pola mesma razón que van gañando os iraquís: porque eles non teñen para onde retirarse. Porque eles seguirán alí ata o final e despois do final.