A CULTURA sobreviviu en Occidente gracias á piratería. Así se podería chamar á práctica dos copistas medievais, aqueles monxes que, na escuridade do mosteiro de Montecasino ou de Oseira, copiaban pacientemente os manuscritos dos clásicos. Aquela rede de mosteiros espallados por Europa era o Internet do século XI. Tamén recibía críticas parecidas: que difundía a pornografía ó copiar as obras de Catulo e os Carmina Burana , que custaba moito atopar o libro que realmente un precisaba entre tanta morralla e disparate, que estaba todo en latín e non se entendía nada. Pero a cultura sobreviviu gracias a aqueles frades solitarios e a súa teima de copiar. Sobreviviu ata converterse nun bo negocio (en realidade sempre o foi: os libros eran moito máis caros na Idade Media do que son agora). Penso nisto cada vez que escoito falar da loita contra a piratería cultural, a copia ilegal de cedés e de libros, o uso de Internet para baixarse cancións. É unha polémica que aparece puntualmente nos arrabaldos do Día do Libro. Naturalmente, entendo o lexítimo dereito dos autores ós beneficios do seu traballo (son un deles), pero á vez paréceme unha causa perdida. Non só é un delito imposible de previr e difícil de perseguir. Mesmo é difícil de percebir como tal delito, igual que aparcar na ORA sen ticket. Se as fotocopias fosen gratis ou se fose doado atopar aparcadoiro, talvez. É irracional, pero é. E cando un delito non o parece, antes ou despois deixará de selo, como sucedeu coa usura, o que hoxe chamamos «préstamo con interés». No top manta non se expón de todo, só os cedés e os DVD que máis venden nos comercios. O top manta é precisamente, ante todo, unha certificación do seu éxito, e as perdas que lles produce ós propietarios dos dereitos son proporcionais a ese éxito. Logo é unha especie de imposto, inxusto pero estrañamente equitativo, que ademais quizais se compense en parte pola maior difusión. Nese sentido, non me parece moi diferente á práctica das discográficas e das editoriais de regalar libros ós críticos ou de facer tiradas maiores do previsto, unha piratería a pequena escala que hai anos só nos parecía mal ós autores pero que editores e discográficas dicían que era necesaria. Nada é tan simple.