OLEIROS. Terraza agradable malia o vento sen fin do Atlántico. Enfronte, New Hampshire, a América que basea o poder no coñecemento. O ilustre visitante recompón o peiteado, pasa a man polo cabelo branquizo e lembra a vidiña de hai vinte anos, cando descubriu o Impaís. Daquela «todos eramos vinte anos máis novos e había nenos nas escolas, e paisanos nas aldeas». Cheos os cemiterios rurais, agora faltan pequenos nos colexios e mozos nas universidades. O visitante e os anfitrións dedican boa parte das súas actividades ao ensino; viaxan, ven e comparan. Segundo a conversa avanza, debuxan un mapa para universitarios dentro do perfil de España que ten dous grandes pólos de atracción, e mais un terceiro emerxente: Madrid, Barcelona e Valencia, por esta orde. No mapa hai algunha zona neutra, sen inmigrantes nin emigrantes estudiados; pero a concentración aumenta, os pólos de atracción cada día concentran máis coñecemento «e agora a LOU veu axudalos: para titulares habilítanse primeiro os profesores das grandes universidades». O caso galego salienta entre os das terras malfadadas. É desproporcionado o efecto da condición periférica sobre a emigración masiva dos rapaces. «E non é para tanto porque aquí, malia o peso do rural, tedes tradición industrial», observa o visitante. «Se cadra, os rapaces vánsevos porque tedes unha tendencia suicida colectiva. Cantos máis marchen, maior será a proporción de vellos que votan aos conservadores; e os conservadores, por principio, non mudan nada». Ao sol escurecen os tons da parola. Chégase a falar de emigración en paralelo con inmigración. «Cando os fillos dos inmigrantes de agora cheguen á universidade, xa serán emigrantes en potencia: da Arxentina ou de Marrocos a Galicia, e de Galicia a Madrid ou Barcelona». No remate do encontro con bela paisaxe de fondo, hai tese: «Galicia é unha xerontocracia xeriátrica. Por iso non ten remedio»... Sen comentario. O vento mariño, indiferente, segue a fungar.