Libros ceibes

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

OS NORTEAMERICANOS chámanlle bookcrossing . Algo así como libros que corren. En castelán, libros errantes . En galego poderiamos dicir libros ceibes: libros que se soltan, que non fican encerrados, en certa maneira que se liberan . Varios centos de miles de persoas en todo o mundo, afeccionados á lectura, practican esta actividade que mesmo ten os seus portais específicos na Rede: www.bookcrossing-spain.com é un deles. A idea consiste en ler e pasar a lectura. Unha pegatina marca o libro elixido (por calquera lector, en calquera parte do mundo). Calquera de nós pode atopalo nun banco da alameda, na mesa dunha cafetería, no buzón da casa, na oficina¿ A pegatina, que o interesado pode descargar dos portais da web, advírtenos que se trata dun libro especial. Alguén deixouno aí para que o encontremos. Podemos aceptalo ou non. Pero está aí, agardándonos, coma unha excitante cita a cegas. O lector captúrao, lévao para casa e, despois de lelo (dúas ou tres semanas, non moito máis, para non perder a tensión), pendura na rede un comentario, a súa opinión, antes de ceibalo outra vez e deixalo correr ao seu xeito. Polos comentarios na rede podemos seguirlle os pasos, empuxado polo vento das casualidades: primeiro na propia cidade, logo nun tren, despois na outra extrema do país, acaso nos confíns do mundo¿ Moitos se perden, pero qué importa. É como ver viaxar un vello amigo, un fillo querido, conscientes de que nas reviravoltas da fortuna dificilmente poderá voltar a nós, pero que en certa maneira segue connosco, que nunca se foi, compartido con centos ou miles de lectores descoñecidos. O bookcrossing , a práctica de ceibar libros, naceu en Estados Unidos hai dous ou tres anos por iniciativa dun profesor mozo, un tal Ron Hornbaker, socio dunha empresa informática, e dende entón non fixo máis ca sumar adeptos. Disque pode haber arredor de 300.000 individuos a practicala decote en todo o mundo, e case un millón de exemplares liberados. Non se trata de ler na rede, nin de facer circular programas informáticos. Nada de sofisticadas tecnoloxías. Os protagonistas son os libros, obxectos físicos, exemplares concretos, que ao cabo do tempo un ben pode imaxinar usados e sobados, antes de esluirse na inmensidade do anonimato. O principio de todo está na lectura, na afección e no placer do coñecemento, esa sensación intransferible de viaxar polas páxinas, os soños, as palabras, compartíndoas cos demais, abrindo as portas, para que corra o aire. Na conmemoración internacional do Día do Libro, memoria de Shakespeare e de Cervantes, a páctica do bookcrossing reivindica fundamentalmente a lectura. Temos a tendencia, condicionados que estamos pola sociedade de mercado, a medir a práctica lectora polo consumo de libros (as vendas) e a producción de títulos (case que 60.000 novidades cada ano en España, arredor de 1.900 en Galicia, case 1.500 en lingua galega). Isto é outra cousa. A primeira vez que chegou ás miñas mans un libro foi porque mo ofreceu un amigo. «Toma. Le isto. A ver que che parece¿». No meu caso foi un libreiro de vello, en Pontevedra, de quen falei xa nalgunha ocasión: a Sonata de otoño , de don Ramón María del Valle-Inclán. Tiña eu dezaseis anos. Cambioume a vida. En certa maneira, no contorno das novas tecnoloxías da comunicación, na era da globalización e dos intercambios abertos, sen distancias nin fronteiras, o xesto vén ser o mesmo: alguén que invita a outro a ler e comparte con el o descubrimento. Unha historia de amor. Unha inmensa e emocionante aperta solidaria.