ESCRITO EN CAFETERÍAS
21 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O PRIMEIRO acto de antifranquismo do meu pai foi explicarnos a min e ós meus irmáns o ridículo que era que alguén se chamase a si mesmo Generalísimo . Dicíanos: «Imaxinádevos que eu me fago chamar doutorísimo (era médico)», e nós ríamos. Desde entón, nunca puiden tomar en serio a Franco. Aínda non sabía que a dictadura era inxusta, pero si que era estrafalaria. Esa denominación de Generalísimo sempre me facía sorrir, mesmo cando se refería á Copa de fútbol do Generalísmo ou á rúa Generalísimo Franco de Lugo. E volveume facer sorrir onte cando a vin reproducida do editorial do Wall Street Journal titulado « Generalissimo Zapatero». Generalísimo, en inglés, escríbese así, mal, como se fose unha palabra italiana (tamén se escribe mal, en xusta simetría «no passaran »). Pero aparte da ortografía peculiar, o editorial presenta tamén unha peculiar comparación entre Zapatero e Franco, e di que o último tería estado orgulloso do primeiro pola decisión de retirar as tropas de Iraq e por enfrontarse ós Estados Unidos. Non sei o que saberá o editorialista do Journal sobre Zapatero, pero evidentemente de Franco ten poucos datos. Dificilmente o Generalissimo tería estado orgulloso do líder socialista, en primeiro lugar porque xa fusilou esas ideas e ata eses mesmos xenes na figura do seu avó. Pero é que ademais Franco non estaba orgulloso de ninguén, nin sequera de Serrano Súñer, que foi o artífice da División Azul. Aquela foi a misión humanitaria dos anos corenta para liberar ós rusos da tiranía de Stalin, e Franco participou encantado. O home non era aillacionista, como supón o diario financeiro. Todo o contrario: fixera carreira arrasando Marrocos e gustáballe tanto intervir no estranxeiro que imaxinou unha España estranxeira (a anti-España) para poder arrasala tamén. Tampouco era Franco inimigo dos Estados Unidos, con quen asinou un acordo militar que aínda dura. Intervencionista, pro-americano, anti-europeo... Se acaso, de quen podía ter estado ó mellor un pouco orgulloso Franco é de Aznar, e xa o estivo tamén nos seus xenes, cando honrou ó seu avó e ó seu tío e puxo ó seu pai á fronte do Goberno Civil de Barcelona. Pero xa dicimos que Franco non estaba orgulloso de ninguén, e quizais tampouco o estaría do docente de Georgetown, quen ten unha ardua tarefa de explicarlles ós americanos Historia de España, porque a levan prendida por alfinetes.