DE SABIOS, en realidade, é non equivocarse nunca. Pero, de non ser así, o mellor é rectificar. Desde esta columna mostrabamos hai non moito a nosa desconfianza de que Zapatero fose retirar as tropas de Iraq no prazo prometido. Pesábanos a lembranza de González e o seu xiro copernicado no asunto da OTAN, e que non tivo logo para el un custe en votos pero si en escépticos (un deles, o que escribe). Esta vez, en cambio, Zapatero gañounos pola man: non levaba nin un día de presidente cando xa anunciaba o repregue dos soldados de Diwaniya. Así que estamos dispostos a trocar a nosa desconfianza por un aplauso. O exército está aceptando a orde coa disciplina esperable, pero outros empezan xa a dicir que as tropas quedarán deshonradas se marchan (e inician así eles mesmos, sen querelo, ese proceso de deshonra). Pode ser, se se entende a honra como aparece explicada nas letras dalgúns himnos militares, como un sinónimo da morte inútil, do sacrificio innecesario. Pero se a morte é inútil, logo a honra é tamén inútil. Falta nesas letras, escritas case que todas por Pemán, a exaltación dou-tros conceptos tamén a ter en conta: a lóxica, a mesura, a sensatez nas decisións (algunha vez teño imaxinado a letra do único himno que me sei, o da Infantería, cantando á «sacrosanta flexibilidade» ou á «devoción patriótica pola prudencia»). Son valores non menos heroicos que o sucidio. E a retirada pode non ser a máis valente das manobras que se executan nunha guerra; pero polo menos é a máis humana: é a única que ten por finalidade salvar vidas. A valentía da misión española en Iraq está precisamente na decisión de Zapatero de facela volver, que é a única valentía que necesitamos neste momento e neste caso. Dixo don Casto Méndez Núñez perante a costa de El Callao que «más vale honra sin barcos que barcos sin honra». Pero a honra xa a perdera antes, cando esa mesma flota bombardeara a indefensa cidade de Valparaíso. Así é: de sabios é non equivocarse nunca, pero o segundo mellor é rectificar, e isto é o que acaba de facer Zapatero. Certo que sempre resulta máis fácil rectificar os erros cometidos por outros, como sucede neste caso. Son eses outros, en realidade, os responsables da retirada, ó ter levado ás tropas ata o lugar do que agora teñen que volver.