O BNG dixo que si. Debemos recoñecer que, no clima de conciliación e suma de vontades que o candidato Rodríguez Zapatero soubo desenvolver nas últimas semanas (e nas últimas horas, na súa intervención parlamentaria), era difícil outra posición por parte dos nacionalistas galegos. O gran activo do PSOE é este novo pulo ilusionante, este ventiño fresco, vivificador, que inaugura a lexislatura cun ton radicalmente distinto do que nos últimos anos fora impoñendo o PP. Á marxe de posibles logros económicos, algúns por discutir, unha vez que se contrasten as cifras e as estatísticas, a administración de Aznar despídese do Goberno nun clima de crispación, encirramento, incomunicación e protesta social que cada día se volvía máis difícil de levar e que trascendía o ámbito específico da realidade española para contaminar as relacións internacionais todas. Oxalá o PP, baixo o liderato de Mariano Rajoy, saiba facer a necesaria autocrítica. Votar afirmativamente a candidatura de Rodríguez Zapatero significa, xa que logo, votar polo necesario cambio de estilo, un novo xeito de facer política, un marco novo de diálogo e relacións, como quen lle pon unha vela á esperanza. En ningún caso un voto en branco. Dende a perspectiva específica da nosa condición de galegos (ademais doutros aspectos xerais que nos afectan) hai dúas cuestións claves que haberá que seguir atentamente nos próximos meses. Unha é a reformulación do Estado (e da Constitución), na que os vascos e os cataláns levan decididamente a iniciativa. Perder pé neste debate pode ser moi grave. Se aplicamos estrictamente a matemática electoral (representación dos nacionalistas), a nosa posición é feble, en comparación con outras nacionalidades ou rexións. Os deputados galegos do PsdeG-PSOE algo han ter que dicir ao respecto. A outra cuestión é o chamado Plan Galicia. Rebordado pola presión e a protesta social que provocou o caso Prestige , o PP elaborou un espectacular programa de compensacións que en parte non era máis que a actualización de contas ou atrasos históricos que se nos debían e, en parte, a constatación dun estado de mala conciencia por parte do partido no Goberno que o propio presidente Fraga se encargou no seu día de recordar: «Non me deixedes tirado, non o merezo». En moitos sectores da sociedade galega o Plan Galicia foi percibido coma un gran castelo de propaganda (efectos especiais) para ver de enmendar a situación de abandono en que nos deixaron naqueles días terribles de novembro do 2002, pero de difícil constatación orzamentaria, a xulgar logo polos compromisos asinados. Autovías, autoestradas, recursos de asistencia e prevención de catástrofes similares, trens de alta velocidade, infraestructuras de todo tipo, etcétera, apareceron de súpeto nos papeis, case que da noite para a mañá, sen que se establecesen prazos concretos de realización, con horizontes tan demorados que case que non se vían, sen a dotación de recursos claros para a súa consecución. En definitiva, promesas. Na campaña electoral, o PP foi moi claro ao respecto: o voto ao partido do Goberno significaba, segundo os seus candidatos, a garantía do seu cumprimento. O PSOE foi máis prudente, pero non menos explícito: haberá Plan Galicia, pero revisado, medido, para establecer con realismo os seus compromisos. Nestas estamos. Unha medida urxente debería ser, por parte do novo Goberno, a elaboración dun informe independiente da situación. O Prestige segue afundido diante das nosas costas, non se sabe con cantas toneladas de chapapote a bordo. As consecuencias na nosa riqueza costeira están aínda por avaliar. Non se artellaron polo de agora accións concretas tocante á prevención de posibles situacións similares. ¿Que vai facer o novo Goberno? ¿Que parte deses compromisos son asumibles (por realizables e necesarios)? ¿Que parte respondía á propaganda do momento? ¿Que podemos agardar da nova etapa que comenza? Temos dereito a saber a qué aternos, sen enganos, sen medias verdades, cos números enriba da mesa, sen demagoxias. En seis meses, deberiamos estar en condicións de dispoñer dun novo informe da situación, contrastado con métodos de investigación solventes, que sitúen á sociedade galega nun escenario realizable, comprometido e crible. Para inmediatamente poñerse a traballar.