ASÍ REZA a argumentación: se marchamos de Iraq os terroristas crerán que é por medo e farán máis atentados para seguir logrando cousas de nós. Non sabemos que cousas, e tamén é certo que a maioría da poboación española quería e quere que as tropas marchen, e que foi prometido na campaña, e tamén é verdade que os soldados non fan nada útil en Iraq. Pero, dísenos, debemos mantelos. Só por non mostrar debilidade. Debilidade: teño pensado moitas veces nesta idea que parece dominar o pensamento político pero que é curiosamente tan allea á forma en que nós vivimos a nosa vida. Dísenos, por exemplo, que non se debe negociar cos secuestradores, ou cada vez se secuestrará máis. Pero a realidade é que os reféns queren que a policía negocie, porque o seu secuestro non é unha posibilidade futura senón unha realidade presente, e non queren pagar coa vida a tranquilidade de persoas que non coñecen, de persoas que quizais nin sequera existirán. Tampouco o secuestrador pensa que estea representando a categoría enteira dos secuestradores: só quere cartos e as persoas que ameaza son esas. E as matará, se chega o caso. Só Deus e o gobernador civil contemplan todo isto como un drama universal no que cada personaxe representa, ó seu pesar, alegorías do Mal, o Ben e a Víctima. Ás veces este drama acaba ben, outras mal, pero non hai máis nin menos secuestros en función de como se resolven. É igual: mantense o principio de non negociar. Así, o contrario da debilidade, a firmeza, consiste moitas veces en facer o contrario do que un desexa, mesmo do que é mellor para un. ¿A verdade? Pois que se os terroristas do 11-M puxeron bombas para lograr que España se fose de Iraq e non se va, seguirán poñéndoas. Dou-tro xeito, demostrarían debilidade eles tamén. Se España marcha de Iraq pode que non deixen de poñelas tampouco, para iso son terroristas. O único que poderá evitalo é a eficacia da policía, non sacar peito. Pero non o cremos así, e convéncennos fácil de que son máis importantes os grandes xestos, as frases («que saiban que non poderán escapar», «meterlles o medo no corpo»). Preferimos crer nestas maxias, nestes ensalmos protectores porque a realidade é máis dura. Na realidade, cada ameaza que se presenta hai que resolvela no momento sen mirar o libro sagrado, e elixir, e asumir as responsabilidades sen acocharse detrás dunha frase, grande e baleira como un globo. mmurado@yahoo.com