AUMENTAN AS medidas de seguridade nos aeroportos en Estados Unidos, nos trens en España, en Gran Bretaña en todas partes, no resto de Europa... É inútil. A policía vixiaba moito os aeroportos, e por iso os terroristas do 11-M deixaron as mochilas en trens. Se agora se vixían máis os trens, as deixarán no metro. Se Estados Unidos se converte nun muro infranqueable, buscarán as embaixadas, os hoteis... Se non poden, intentarán outros obxectivos. Alguén o pagará en todo caso, porque a seguridade non consiste en evitar o perigo, senón en desvialo cara outro lado. Se o Diaño puidese dar unha conferencia nunha universidade, ou mellor na televisión, explicaría isto, que o perigo e a seguridade son cantidades fixas: pódense repartir moito ou concentrarse nun lugar, pero non reducirse no seu conxunto. Protexer moito uns lugares, unhas clases sociais, uns grupos humanos, aumenta o perigo do resto. Isto me explicaba unha vez unha amiga israelí, mentres tomabamos café en Xerusalén Oeste: «Temos un exército tan invulnerable que os nosos inimigos atacan ós civís; así que canto máis invulnerable é o exército máis vulnerables somos nós». É un paradoxo que levado ás súas últimas consecuencias, diría o Diaño, conduce a esta conclusión: a única maneira de reducir o perigo é deixar de preocuparse tanto. Eu non concordo con estes sofismas do Diaño, que para iso é Diaño, pero si creo que non reflectimos suficientemente sobre a natureza do perigo, e así conformámonos co que non son máis que escenificacións da seguridade: o detector de metais, o garda de seguridade, a alarma do coche. Pero o certo é que ninguén sabe cando foi a última vez (se é que sucedeu algunha vez) que un terrorista foi arrestado nun aeroporto, e que cando soa a alarma dun coche ninguén pensa que o estean roubando senón que a alarma está avariada. Pregúntalle a un profesional e dirache que a maior parte desas medidas non evitan nin disuaden, son cerimonias máxicas para traer a calma. «Varios milleiros máis de policías remoendo chicle nas rúas», dicíame hai uns días un amigo de Nova York, describindo as novas medidas de seguridade aló. O Diaño sábeo, nin por vello nin por diaño neste caso, senón porque é el quen carga as armas. El sabe que unha vez cargadas, as armas dispáranse, pero que a súa arma favorita, a que de verdade fai vulnerable a todo o mundo, non a carga el senón nós: é o medo.