Cuota e paridade

| UXÍO LABARTA |

OPINIÓN

02 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NON ERA IMPRESCINDIBLE, mais si necesario e acaído para estes tempos e nesta sociedade. Por elo hai dúas razóns para se felicitar: de primeiras, abeirando prexuízos e mesmo escepticismo, que teñamos mulleres na política para nos gobernar. E mais logo que se cumplira un compromiso electoral de quen vai gobernar. Poucos acordan, ou queren lembrar, que foi apenas hai oitenta anos cando as mulleres poideron votar neste país. Ou que non foi ata os anos setenta, nos últimos tempos do franquismo, cando se lle restitúen a muller casada a plenitude xurídica de dereitos, sen previo consentimento do home. Ou que é ainda nova a xeración de mulleres que andiveron ou andan de únicas no mundo dos homes: no currículum dalgunha das novas ministras recóllese que era a única muller na súa clase de enxeñería industrial. Nacida apenas hai cincoenta e catro anos. Mais pretendemos vivir como se todo elo non tivera deixado un pouso mesto na configuración desta nosa sociedade, de nos mesmos. Analisamos, criticamos, opinamos coma se todo andivera xa na sociedade da igualdade. Aínda que todos saibamos que, por mágoa, tal sociedade está lonxe. Mais aló da violencia de xénero, máis aló da discriminación laboral. Por iso sorprende que fronte tanta desigualdade e segregación negativa se observe a paridade de sexos ou a cuota feminina no mundo político dende o escepticismo, cando non do sarcasmo, ou mesmo como engado electoral a prol do voto da muller. Por eso sorprende que arraizados prexuízos machistas pretendan se converter en acaídas razóns para mantenza da desigualdade. Renxe escoitar de aprofondadores varóns, mais tamén de mulleres, aquelo do principio de capacidade e mérito. Coma se así fora a lei no mundo e na escolla entre os homes. Coma se a sociedade non se poidera transformar, como se o mundo non poidera mudar. Por elo cadra ben celebrar que aquelo humanamente desexable e politicamente correcto empeza a andar. Por elo se recibe ben que, anunciado un goberno en paridade, a resposta desta nosa sociedade ande en valorar por xunto as súas posibles capacidades, mais aló do xénero de quen o conforman. Nunha alancada importante no camiño da igualdade. Tamén entre mulleres e homes.