POLO MENOS, a película de Mel Gibson sobre a vida de Xesús de Nazaret que esta semana se estrea en España ten un aspecto ben novidoso: é, posiblemente, o primeiro filme que utiliza a morte dos seus espectadores como reclamo publicitario (aparte, claro está, da morte do protagonista, que é o centro da historia). Sabemos xa do espectador que, como San Dimas, expirou no momento da Crucifixión, da muller venezolana que caeu fulminada ó saír da sala... Fálase xa de catro mortos identificados, e a mortalidade vai aumentando consonte mellora a distribución da cinta. En calquera outro filme sería, en xeral, un mal síntoma que os que pagan a entrada perezan durante a proxección («deulle un infarto vendo Bambi», «morreu na última película de Garci»). Non é a mellor recomendación para un espectáculo. Pero, non nos enganemos: hai xente que morre vendo a John Ford ou a Antonio Mercero, só que ninguén se toma a molestia de informarnos e facer o reconto. Se o sabemos neste caso é porque a productora do filme esfórzase para que saibamos que a película é unha experiencia sobrecolledora. Hai quen critica a Gibson por isto, pola utilización de escenas tan extremadamentes violentas que converten o filme nunha versión pía de El crimen de Cuenca . E sen embargo eu vexo aquí coherencia, porque o australiano non fai senón seguir unha longa tradición de publicidade da Fe polo sangue que está nos nosos pasos de Semana Santa e na arte relixiosa barroca: eses Cristos sanguinolentos, esa insistencia morbosa nos detalles da tortura. Gibson, en fin, válese de prodixios e éxtase (as mortes dos espectadores ou os seus arrepentimentos) igual que fan os propios evanxeos. É como a outra polémica do filme: a do o seu suposto antisemitismo. O Goberno israelí considera que Gibson bota a culpa ós xudeos da morte de Xesús, cando non é Gibson quen llela bota, senón Xoán o evanxeísta. Pero tanto ten, porque esta polémica é tamén un truco publicitario. Por ambas partes, dos que fan a película, e dos que protestan por ela e así adquiren o ton de superioridade moral. Non protesta o alcalde de Roma, a pesar da culpabilización dos seus concidadáns. Protesta o Goberno israelí, inocente sen dúbida daquela antiga morte famosa, pero non de moitas outras menos famosas pero máis recentes. Unhas e outras, a violencia, as mortes, o antisemitismo do filme son, e nunca mellor dito, polémicas farisaicas.