Funcionarios aventureiros

OPINIÓN

30 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

APARENTEMENTE estes termos son contradictorios: un funcionario pasa por ser precisamente o contrario dun aventureiro. Pero España empéñase en ser diferente. Aquí os mesmos que xogando a líderes mundiais se atreven a enviar tropas ocupantes a un país estranxeiro, piden agora autorización por escrito, na máis pura lóxica do tradicional funcionario resabiado -«a min que mo diga por escrito»- , para cubrirse unhas costas que sempre están sobradamente protexidas. Unha comedia barata, na que ademais se lle otorga a Zapatero unha condición política e xurídica -que el asume- da que carecerá ata ser avalada polas Cortes e sancionada polo Rei, segundo a Constitución que tanto din protexer. Funcionarios son, pero aventureiros tamén. Entrar na guerra hai un ano foi un acto de irresponsabilidade. Non polo 11-M que ninguén podía imaxinar pero que alguén debera temer nas estructuras do Estado. Foino, mesmo prescindindo das razóns de legalidade internacional por tratarse dunha acción non apoiada pola ONU. Foino, incluso sen ter en conta as razóns desa ética pacifista tan arraigada en Europa, dese antibelicismo que rexeita calquera guerra independente da súa motivación. Foi unha irresponsabilidade, como recoñece o Financial Times, dende a propia lóxica do realismo político que ilustrou as decisións dos líderes das Açores . Porque a realpolitik rexíuse sempre por criterios de eficacia e esta guerra non é nada eficaz: nin para combater o terrorismo, nin para pacificar Oriente Medio, nin para unha transición democrática en Iraq, nin siquera para facer negocios. As decisións de Bush e Blair podían ter fundamento e responder a unha lóxica, aínda que foran erradas ou rexeitabeis. Os EE.?UU. son o Imperio que quere exercer o seu poder, o Reino Unido foi a potencia colonial que inventou o Iraq. O que está fóra de toda lóxica é a postura de Aznar, só relacionabel con aquela ideoloxía neoimperial do franquismo que xa vimos en Perejil e que se expresa como volver poñer a España no mundo. A posición española foi dunha lixeireza abraiante por razóns tan coñecidas como desatendidas. Sabiamos xa daquela que a decisión do goberno supuña unha viraxe radical respecto da relación cos países árabes e un xiro absurdo respecto da posición adquirida en Europa, para favorecer unha relación supostamente prioritaria, en realidade subordinada, cos EE.?UU. Foi ademais unha decisión mal informada ¿Que sabemos de Oriente Medio e do mundo árabe?, ¿cantos especialistas hai nas nosas universidades e nos servizos de intelixencia?, ¿cantos consideraron plausibel embarcarse nunha guerra así?, ¿que capacidade ten España para enfrontar este novo tipo de guerra? As tropas españolas deberán volver do Iraq pero esta guerra, nova na forma e no fondo, seguirá. Por iso xa se presenta a retirada como un incremento do continxente en Afganistán, onde as tropas están amparadas pola ONU. Mais iso tampouco é garantía abonda. Na guerra de Corea, en plena guerrra fría, os americanos e outros aliados combatiron aparentemente baixo a bandeira da ONU.