ESCRITO EN CAFETERÍAS

29 mar 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CURIOSAMENTE, de entre todas as cousas que nos quita o Estado (é dicir, a parte da Sociedade que goberna á Sociedade), a máis valiosa é a que menos parece importarnos: o tempo. Refírome a esa hora que se nos confisca cada ano antes de comezar o verán, e que perdemos cunha pequena dor pero sen maiores protestas, pagando o seu prezo en sono ou en ocio, sen saber por que. Certo que, como se se tratase dunha declaración a devolver, o Estado reintégranola uns meses despois. Pero daquela xa está devaluada: é a hora de inverno e de escuridade coa que encima, para o entón, non sabemos xa o que facer. E así andamos todo o ano, cunha hora de máis ou unha hora de menos. Non sempre se aceptou esa exacción sen protestas: no século XVIII din os historiadores que houbo revoltas en Inglaterra cando o rei impuxo o calendario gregoriano, que supuña perder once días; mesmo houbo mortos (en España, a mesma decisión, cen anos antes, fixo que Santa Teresa fose, teoricamente polo menos, soterrada varios días antes de morrer). Eles crían que o goberno lles quitaba, literalmente, parte das súas vidas. Dirase que confundían a medida do tempo co tempo mesmo, e así é. Pero nunha sociedade na que só existe o que pode ser contado e numerado, as cousas non son máis que o que miden. Hoxe estamos afeitos, e entre todas as autoridades que lle atribuímos ó goberno está tamén a do tempo. Cremos facilmente nos argumentos que se nos ofrecen cada ano para esta estraña manipulación da nosa vida cotiá, só porque están adubiados pola xerga da eficacia, que é tan respectada agora como en tempos o foi a da Fe. E isto a pesar de que os científicos aseguran non entender as razóns que rexen estes cambios: pode que se aforre algo de enerxía por un lado, din, pero está claro que tamén se perde moita máis por outro. En realidade, trátase dun cálculo imposible de facer. É, simplemente, unha decisión arbitraria, un capricho. De feito, pode que sexa a máis arbitraria de todas as decisións que toma un goberno. É a atribución dun deus. Pero a aceptamos; quizais precisamente por iso: porque é un misterio, porque carece de aspectos políticos, porque ten á vez a forza dunha tradición e o vocabulario dunha innovación. E aceptamos isto a pesar de que somos criaturas feitas, fundamentalmente, non de carne senón de tempo, e se nos quitan o tempo, nós quitan parte de nós.