VOLVER Á NORMALIDADE, despois do que pasou o 11 de marzo, esixe algo máis que unhas eleccións e un cambio de goberno. Non é tan doado. Pasará moito tempo, necesitaranse moitas mudanzas para reequilibrar moralmente o que se desequilibrou no que se empezan a chamar os catro días de marzo . Unhas datas para o estudo que teñen as características dun acontecemento histórico, por singular, por radicalmente novo e polos cambios que pode anunciar. Pero aínda é cedo, aínda estamos póndolle nome ás cousas. O PP puido gañar as eleccións pese ao atentado, coa escasa folgura que sinalaban as tendencias demoscópicas e as impresións subxectivas. Aínda que non hai precedentes, podíase esperar que un corpo electoral que votaba conmocionado polo terrorismo escollese, naquelas condicións de absoluta incertidume e shock social, a aparente seguridade da continuidade fronte á nova incertidume que acompaña a toda mudanza. A man firme da dereita unida nunha sigla, fronte ao pactismo da esquerda e o nacionalismo. Perdeunas o PP porque demostrou a sima moral á que nos estaba arrastrando a política escollida. Tamén porque a obsesión por controlar á opinión pública, que chegou ao paroxismo neses catro días, amais de insostibel en democracia, volveuse contra deles e xeroulles potentes inimigos na prensa non controlada e capaz de atender ao poderoso mercado dos cidadáns famentos de información libre. Non aprenderon a lección do Prestige . Os esquemas da política dominante no PP levaron aos seus protagonistas ao desvarío. Ninguén recoñeceu ao Giuliani madrileño en Gallardón, nin en Aguirre, nin en Aznar. Asistimos aos burdos xogos de márketing electoral de sempre pero espantáronnos máis ca nunca. Afeitos como estaban a usar o terrorismo como coartada moral contra os adversarios políticos, os aprendices de bruxo foron víctimas da súa propia menciña. Pode ser a fin desa forma de facer política. A que usou o terrorismo para confundir con terroristas a quen non pensaba coma eles. Que patrimonializou ás víctimas ata o extremo de distinguir entre malas e boas. Negándolle a condición de víctima a quen discrepaba politicamente. Ata españolizalas, en aberrante estrambote, aínda que foran peruanas ou rumanas sen papeis. A coalición da anti-España que recrearon, primeiro co PNV, logo con Carod, cando era necesario co BNG, ata chegar ao PSOE, volveuse contra os que retrotraían o terrorismo a unha lacra de 35 anos, nunha teimuda cronoloxía que, ao obviar a amnistía e a Constitución, reivindicaba obsesiva e sutilmente o franquismo como propio. Como víctima a idéntico nivel. O imprescindibel recoñecemento das víctimas non pode ser un medio para o victimismo manipulador. A trampa moral. Ser víctima non é garantía, como demostra o sionismo exterminador de palestinos. Tampouco é tempo de revanchismo. Abonda de revanchas. Si de lembrar que esa infame política tivo demasiadas axudas interesadas fóra do PP: os que situaban ao nacionalismo na anti-España e querían crer que a Constitución do 78 fora feita como se non houbese unha guerra corenta anos antes, en liberdade.