AIRAS NUNES, trovador medieval, autor de magníficas cantigas nos diferentes xéneros poéticos, compuxo o sirventés moral «Porque no mundo minguou a verdade, propúxenme un día a ir buscar...». Tras visitar mosteiros, abadías das principais ordes relixiosas, lugares onde o autor supuña que a verdade debía morar, e non dar con ela, chega á conclusión de que xa non hai verdade no mundo. Alancando séculos, podía voltar Airas Nunes para escribir unha cantiga de escarño sobre as mentiras de certos gobernos, e de cómo, baseándose en armas inexistentes, exerceron a violencia e o saqueo sobre un país árabe productor de petróleo. A guerra de Iraq non foi política porque estivo fundada en mentiras. Nos últimos anos asistimos impotentes ás arbitrariedades e os abusos do poder político. Padecimos prácticas sociais abusivas das que derivaron grandes inxustizas. O autoritarismo gubernamental eludiu a controversia racional. A palabra esclarecedora foi substituída por argumentacións ad hominem , cando non insultos, que se viron reflexados no espello público da TV, en programas lixo pragados de falsidades obscenas. De forma que o máis urxente e necesario que o novo goberno debe levar a cabo é un rearme moral. Así o interpretan tamén en Europa e América. «España castiga a mentira de Estado», afirma Le Monde . E as súas consecuencias: «Petróleo para EE.?UU., bombas para Madrid», corearon en Francia; «Sigamos a líña de ZP», dicían en Italia. Nos EE.?UU. levan xa tempo cuestionando as mentiras coas que invadiron Iraq e isto pódelle costar a presidencia a Bush. En Inglaterra xogan coas palabras e cambian o nome de Blair por Bliar ( liar significa mentiroso). Comprobamos como a palabra verdade, ou a contraria, mentira, están na boca de medio mundo. ¿Quen llo ía dicir a Airas Nunes? Zapatero alicerza a súa política na transparencia, na información verídica, tanto ao Parlamento como á cidadanía. Tamén no diálogo, na palabra. Dar a palabra é dicir a verdade. Oxalá.