NESTE MOMENTO de cambio intranquilo xorden no ambiente expresións que definen o estado de excepción que envolve o cotián. Hoxe, mentres nos forzamos a habituarnos á rutina, a moitos pódelles a parálise, o shock da envorcadura electoral. Sorprendidos polo fatum, apresados pola inacción, agora viven desconcertados: están a velas vir. Esta frase ben pode resumir tamén outros sentimentos que nos rodearon os días previos ás eleccións, cando algúns, ante a espera de información, observabamos o desenvolvemento do acontecido sen poder participar: estabamos a velas vir. Mesmo na prensa dos últimos días algúns analistas políticos empregan esta expresión para definir o malestar dalgunha xente ante os resultados dunha Galicia que, segundo interpretan, continúa sen sacar proveito electoral: segue a velas vir. Todas estas situacións resumen o significado desta frase, que normalmente é utilizada para referirse a alguén que 'está sen facer nada' ou 'observa algo sen intervir'. Na lingua adoita aparecer xunto co verbo estar, pero tamén acompañada dos verbos andar, seguir ou quedar. Se algunha persoa anda a velas vir pode interpretarse, ademais, que ?non ten cartos?. Da mesma maneira, esta forma aplícase a alguén que ?non entende nada? ou que ?está despistado, aparvado? (Explicoume o que sucedeu e quedei a velas vir). Moi empregada na información deportiva, sobre todo no mundo do fútbol, é un clásico das crónicas radiofónicas: «Pase longo pola banda... ¡e o dianteiro, a velas vir!». Irremediablemente unida ao futbolín, gracias a aquel estribillo dos Diplomáticos de Monte Alto, forma parte da memoria colectiva de moitos de nós. Son tempos de cambio, de mudanza, pero o mundo segue a velas vir. falar.ben@lavoz.es