XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
17 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.DENDE a Restauración non caeu un político de modo máis estrepitoso, con tanto descrédito popular, con tanta decepción ao seu redor. Digo dende a Restauración alfonsina, tras Isabel II, e non dende a Restauración democrática. Aznar recibiu o golpe máis inesperado da historia política contemporánea. Fixo méritos para tal mester. Rajoy, non. En defensa de Rajoy saen estas palabras. En defensa de Mariano Rajoy, reitero, por se puidera parecer inverosímil tal apreciación sendo da miña autoría. Que alguén no Pepé poida pensar que existe un líder de maior categoría, un merlo branco, resulta aleccionador: no te fíes ni de tu sombra, Mariano. Como aleccionador é o dictado das urnas: nin guerra, nin patrioterismo casposo, nin urdacis, nin acebes e zaplanas e palacios, nin Bush, nin o euro de Trillo. Nin a soberbia agria de José María Aznar, evidentemente. Agora toca ZP, e Blanco (al que ya nadie llama Blanquito), e Caldera. O nivel, para qué mentir, non é demasiado alto. Pero así é a democracia. A que defendemos todos. Así é a liberdade. Por ela hai que resucitar cada día. Defender a solvencia de Rajoy e do Pepé, chovendo como chove, é defender a liberdade. ¡E como me gusta ser un home libre, Mariano!