«GAÑOU AL QAIDA» din e escriben algúns. Todo porque o novo Goberno di que vai retirar as tropas españolas de Iraq e iso para eles é perder. Pero o novo Goberno xa dixera que o ía facer e, en todo caso, esa é a vontade maioritaria dos españois, agora, antes, o ano pasado. O que cambia non é a posición de España nin a do Goberno, o que cambia é o Goberno. E cambia precisamente porque estaba desubicado, porque era como un goberno estranxeiro gobernando un pobo que quería outra cousa. Como Iraq antes, e agora. «Gañou Al Qaida». Cando escoito ou leo isto pregúntome que entenderán os que así falan por gañar e perder. Penso, sobre todo, que Al Qaida si que cre que gañou estes días ó lograr conmocionar a unha sociedade, ó lograr que o seu crime se difunda en todo o mundo; penso que pensa que gañou porque se figura que botou un Goberno abaixo e que a consecuencia disto España marchará de Iraq. Penso que isto o pensa Al Qaida, e que eses que entre nós din que «gañou Al Qaida» están de acordo. Son, imaxino, os que pensan tamén que nós gañamos algo cando bombardeamos Iraq, os que cren que somos triunfadores porque Sadam Huseín está nun cárcere. Tamén Al Qaida está de acordo con eles e ve eses feitos como as súas derrotas. E tamén están de acordo uns e outros no que hai que facer cando un vai perdendo: máis morte, máis bombas, máis firmeza (esa virtude dos insensatos, dos intransixentes e só moi raramente a dos valentes). E logo estamos os demais, os que pensamos que gañar non é isto, os que pensamos que iso é perder, e ata perderse; os que cremos que non hai ningunha victoria na matanza dos inocentes nunha estación de tren nin nas cinzas fumegantes dun país bombardeado; os que non acabamos de ver que a caída dun dictador en Iraq signifique de contado a Liberdade como non vemos que a elección de Zapatero poida ser un signo de covardía. É precisamente por iso polo que baixamos ó Goberno do pedestal: porque non compartiamos a idea que tiñan do que é gañar e do que é perder, porque a súa idea do que é gañar, aínda que a certa distancia, se achegaba perigosamente á idea que teñen os nosos inimigos. Porque non queremos converternos nunha grande empresa de vinganzas e brutalidade, como Israel, como Al Qaida. Eles tamén consideran que van gañando. Deixémoslles nós esa forma de triunfo. mmurado@yahoo.com