OS MÓBILES das víctimas soaban despois da explosión, unha vez que os seus donos estaban xa mortos. Por algunha razón esta imaxe sobrecóllenos, case máis que a visión dese retablo barroco de sangue e dor que se nos ofrece na televisión todos os días desde que sucedeu a traxedia o xoves (é necesario, é un ritual que nos permite ir asimilando o sucedido). Impresiónanos esa supervivencia do móbil porque o teléfono móbil é un deses instrumentos que pertencen tanto ó mundo material como ó inmaterial. Son o veículo da nosa voz e da dos nosos amigos, e reteñen algo de nós, da nosa alma. Se siguen soando unha vez que non estamos alí é como se a nosa vida aínda on estivese resolta, como se a nosa alma aínda vagase nalgún lugar do éter telefónico, como se a nosa pantasma non tivese acougo. E a nosa vida, que transcorre sen nós. O móbil é unha testemuña da nosa vida, si. E gracias a iso a policía puido atrapar ós criminais (que magnífico traballo). A súa culpa e a súa identidade quedaran gravadas nesa tarxeta dixital, como unha marca de Caín. O móbil delatounos, conservou o seu rastro, berrou a súa responsabilidade como ese personaxe que aparece ó final das obras do teatro clásico e pronuncia a frase sobrecolledora: «Eu vino todo, foi el». E foi tamén, finalmente, o móbil o que se rebelou contra a marcha das cousas e se convertiu en veículo da indignación, da dúbida, do escepticismo. Transformado nun Titán, en poucas horas logrou parar o curso da historia de España e darlle unha dirección nova. Convertiuse o teléfono móbil nunha conciencia colectiva, nun xuíz inapelable, nunha deidade implacable que administra os premios e os castigos. Quizais esas mensaxes que circularon ó sábado, e que labraron a desgracia do Goberno, chegaron mesmo ós móbiles dos inocentes sacrificados, quizais tamén ó móbil dos seus verdugos. Todo comezou o xoves pasado e parece que transcurriu un mundo. Son catro días en que, nunha sucesión dunha rapidez insoportable, fomos sacodidos por todo o catálogo das emocións humanas: a sorpresa, a ira, a dor, a indignación. Agora que todo rematou con unha especie de catarsis final un non pode evitar unha sensación de desacougo. É esa sospeita que está en toda a literatura e filosofía universal. E a sensación da nosa pequenez, a de que non somos máis que simples xoguetes do destino, veleiros ós que empuxan só dous ventos caprichosos, o da esperanza e o da traxedia.