RAMÓN Piñeiro contaba que, estando na guerra civil falando cuns compañeiros, un deles, que era catalán, fora dar unha volta despois da cea e regresou dicindo que non aturaba tanta boira. Outro dos compañeiros, castelán, ó oílo respondeu: « Boira, boira . Llámale niebla, que es lo que es». Piñeiro contaba esa anécdota como exemplo da mentalidade carpetovetónica, da súa incapacidade para admitir que porta sexa puerta, aínda máis preto aquela do latín, dunha innata visión do mundo que leva sempre dentro os demos da exclusión, da negación do outro, da falta de respecto e da intolerancia. Despois de tantos anos e esforzos, non parece que nese orde de cousas teñamos mellorado moito. É duro dicilo, pero os discursos dos políticos, nestes días, non permiten afastar o noso pesimismo. ¿Que futuro nos agarda se a nosa capacidade de concordia é tan escasa? Penso que vai ter razón un amigo biólogo que, diante de casos así, sempre sentencia: «Os xenes non perdoan». Pero non quixera que tivese razón.