¿Quen está detrás?

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

12 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NA TRADICIÓN islámica medieval o número 11 significa a confusión, a furia e, respecto da fe relixiosa, o martirio. No momento de escribir estas liñas aínda non temos información suficiente (nin datos) para atribuir a unha organización ou a outra a masacre de Madrid, a maior matanza destas características que se recorda en España. Digo destas características. Desgraciadamente a nosa historia ten crónicas negras abondo. O espectáculo (espectáculo mediático era, con todas as televisións emitindo en directo, factor especialmente valorado pola acción terrorista) resultaba arrepiante. Moitos, dende o primeiro momento, sospeitamos sen embargo que detrás de semellante atrocidade podía haber desta vez unha man distinta da de ETA. ¿Outro estilo? Non digo iso. A carnicería de Hipercor, naquel verán barcelonés do 87, aínda que con menor número de mortos, non foi menos cruel, nin menos calculada e premeditada. Por outra banda, o feito de que algunhas voces próximas á organización terrorista vasca amosen nesta ocasión certas dúbidas sobre a autoría do atentado, non debería confundirnos. Outras veces esa mesma fonte foi desautorizada na práctica pola organización terrorista; e tampouco esquezamos que, cando o asasinato de Pertur, ETA negou a súa responsabilidade co mesmo cinismo con que o recoñeceu despois, calmadas as augas das contradicións internas que se axitaban no contorno da propia organización. Pero hai indicios que, sen desbotar a posibilidade anterior, conducen a outros espacios: a semellanza (non só na simboloxía da data) coa matanza das Torres Xemelgas de Nova York e o Pentágono, por exemplo. Catro trens cargados de dinamita nun caso. Catro avións cargados de combustible no outro (transporte público mortal). Actuación sincronizada para facelos estourar ao mesmo tempo no corazón estratéxico da vida (a estación de Atocha), coa idea de derrubar un espacio simbólico procurando o maior número de baixas posibles. Acción sobre a cidadanía común, non necesariamente vítimas cualificadas. Escenificación mediática que ocupa, de súpeto, toda a programación (24 horas)... Se engadimos a posibilidade (non confirmada) de que no interior dos trens da morte viaxase algún comando suicida; se lembramos advertencias anteriores de Al Qaida e o seu contorno contra a participación de España na guerra de Iraq; se atendemos á retórica da carta recibida no xornal británico poucas horas despois dos feitos, etcétera, ben xustificada está a apertura dunha liña de investigación por parte do Ministerio do Interior nestoutra dirección que se apunta. ¿Cal é o sentido desta reflexión, aceptada a posibilidade de calquera das dúas autorías? Que logo de oito anos de xestión do Goberno do PP, non temos só unha fronte aberta, senón dúas; que a globalización convírtenos a todos, irremediablemente, en obxectivos posibles (Xacobeo incluído); que o terrorismo non é un invento do Goberno senón un problema profundo, estructural, que se axiganta nas sociedades contemporáneas e, como tal, hai que abordar analizándoo especificamente, promovendo accións unitarias (non excluintes) de fortalecemento social e democrático; que o diálogo non significa pactar co terror, senón fortalecer á sociedade que poida facerlle fronte, e que a cuestión non é só particular (doméstica) senón global e, por tanto, debe ser abordado nos foros internacionais (ONU) que a guerra de Iraq e a política da administración Bush dinamitaron, e que cómpre urxentemente restaurar. Ademais de todo isto (no principio de todo, deberiamos concluir) están as vidas inocentes, traxedias inconsolables, universos desfeitos, porque cada ser humano é un mundo irrepetible: en Madrid e en Nova York, en Bagdad e en Afganistán.