A propósito da lingua galega

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

A PEDIDO deVíctor Freixanes asistín no Concello da Cultura a unha gravación para o portal LG·3 da entidade. Tratábase dunha tertulia arredor do libro de Xesús Alonso Montero sobre A Batalla de Montevideo, que, como se sabe, trata da denuncia diante da Unesco da «persecución do idioma galego pol-o Estado Hespañol» realizada polas sociedades galegas radicadas na República Arxentina, con motivo da reunión que celebraba a Unesco en Montevideo no mes de novembro do ano 1954. A España de Franco fora admitida na Unesco no 1952 con fortes protestas da intelectualidade europea. A tertulia tentaba de estudar ata onde o franquismo prohibiu o idioma galego. A personaxe central, que era o autor do libro, estivo moi axustado á realidade: no franquismo o galego non estaba prohibido de iure, maís si o estaba de facto. Non había unha lei que o prohibira, mais acordémonos das barbaridades daquel inquisidor, Juan Aparicio, que decretou a prohibición do galego e insultou a Piñeiro de «faltas de ortografía en la pluma y en su alma». Mais non ficaba só nestas «anécdotas» a persecución do galego, cando un instituto científico como o Seminario de Estudos Galegos era expoliado e prohibido porque tiña conciencia e fala galega, e cos seus despoxos se creaba outro instituto de fala castelán; cicatrices historicas que aínda non foron curadas por moitos foros da cultura que se creen e moitas academias que se abran. O moderador da tertulia, Freixanes, pediu unha discrepancia ordenada, como Deus manda, e teríame invitado a min, posiblemente, que de ordenado discrepante non presumo, para ver se se aclaraba dunha vez a autenticidade desa folla voandeira «Hable bien, sea patriota, no sea bárbaro (...) hable nuestro idioma oficial, o sea, el castellano... » que publicou Galicia emigrante na páxina 1 do número 10 de marzo de 1955. Alonso Montero dixo que quen sabe máis do mundo desa folla é Díaz Pardo que foi quen lla levou a Seoane. E como se dixo que esa folla puido ser repartida por feiras... eu limiteime a dicir, pois todo esto o tiña esquecido, que a folla a debin recoller na fábrica, que algún do sindicato oficial que tiñamos na empresa a deixou alí, e non cría que esa folla fose repartida fóra da sindical. Logo tentei refrescar a memoria e vin que eu non lla levei a Seoane, pois eu cheguei a Arxentina sete meses logo da súa publicación. Eu non me escribía entón con Seoane e as cousas que lle enviabamos o faciamos a través de Paco del Riego, que tiña da man a quen lle levaban nons barcos as informacións clandestinas, e Del Riego non debeu ter a menor dúbida da súa autenticidade pra facela seguir a Seoane. Galicia emigrante parece que era lida con atención polos esbirros do réxime e ao ver esa folla irían á imprenta sindical da Coruña a eliminar os vestixios e charmarlles idiotas. Non era a primeira vez que o franquismo corrixía cousas que se denunciaban nesta revista. Unha delas foi a idea do mesmo Franco de desmontar a fachada do mosteiro de Monfero para poñela no bodrio arquitectónico da igrexa de San Pedro de Mezonzo que se estaba construíndo. Ou aquel Plan Galicia, pregoado a bombo e platillo, idea do xeneral Vigón para poñer o porto da Coruña ó servizo de embarque do mineral do Coto Wagner, etcétera. Dende o punto de vista político aquela batalla austral está totalmente superada e se algunha inconformidade seguimos sostendo non é cos gobernos senón cos institutos técnicos que manteñen determinados criterios.