A CORUÑA, cafetería con nome madrileño, de catedral para principesco casamento. Mañá fría polo meteorolóxico, e quente polo electoral. La Voz sobre o mostrador, tentación de café e cigarro. O cliente deixa de follear ante unha foto de cara con barba curta, agrisallada, lentes sen cerco e ollos castaños. Apunta co dedo e defínese: -A Rajoy le voto yo porque es de los míos. Porque para mí es más español un sudaca nacionalizao que un bloqueiro: por lo menos, el sudaca me habla en español. Os convivas rinlle a chanza sen moito estrondo, quizais a lembraren as camareiras iberoamericanas que foran desfilando pola cafetería á procura da vidiña, e a pensaren en amigos e colegas dos cales sospeitan que votan ao Bloque (pois, proporcionalmente, son moitos máis os devotos secretos do Bloque cós calados votadores do Partido Popular). -«Españolito que vienes al mundo, te guarde Dios». ¿Non era así o do Machado? -pregunta un do grupo próximo na barra ao do votante do Mariano. -«Una de las dos Españas ha de helarte el corazón» -outro remata os versos, finxindo un calafrío-. Qué xeada, compañeiros... Na conversa xorden datos do autor da sentencia sobre sudacas e bloqueiros: ten dous apelidos sonoramente galegos e a institución en que traballa exhibe nome exclusivo do Impaís. Despois, revélanse detalles da campaña electoral, chea de vituperios e cambadelas. -Imos pasar da dictadura aznariana á dictabranda mariana -sintetiza alguén da rexouba, a exhalar fume e boa vontade-, porque ao Mariano don Manuel aínda lle ha recordar que o marcan os apelidos, e que é neto de quen é. A referencia aos gobernos de Primo de Rivera e Berenguer a penas levanta sorrisos entre os críticos co sistema. E o máis calado deles pon tráxico punto final: -Josemari e Mariano son o mesmo: «la unidad de destino en lo universal», aínda que o Mariano sexa bo rapaz. En catro anos a TVG xa vos falará castelán a micro aberto... Como di o tango, «Dan ganas de balearse en un rincón».