España mediterránea

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

02 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

COCIÑA mediterránea, horario mediterráneo, política mediterránea ¿Onde fica o atlántico español? Como muito fálase da cornixa cantábrica, expresión tan frecuente como odiosa, ou nos recoñecen como Norte-Noroeste. As cornixas son prescindibeis, adornos que sempre poden desprenderse do edificio cun bon temporal do norte, cun vendaval do sudoeste ou cun nordés persistente. Os puntos cardinais non precisan recoñecemento. A Península coñece esa pulsión política entre os dous mares dende que Roma constituíu a primeira forma de administración. Nas últimas décadas, as grandes decisións políticas viñeron virando ao Mediterráneo o eixo do desenvolvemento español. As redes de infraestructuras, os grandes investimentos ou a xestión da reconversión industrial na época socialista asentaron esta lóxica. Na negociación agraria para a entrada no Mercado Común, as produccións atlánticas españolas, excedentes en Europa, foron sacrificadas ás mediterráneas. Laranxas, aceite e hortalizas venceron ao leite e ao vacún. Do peixe millor nin falar. O faraónico Plan Hidrolóxico Nacional segue a insistir, agora con gobernos do PP, na mesma prioridade cara á España mediterránea. Unha volta, fóra do tempo e ambientalmente insostibel, a aquela obsesión pola política hidráulica rexeneracionista que as primeiras formulacións económicas do rexionalismo galego denominaban con bulra «política acuática», neste mesmo xornal, hai exactamente un século, na pluma de Batolomé Calderón. Como di unha antropóloga amiga, só se lembran do Norte pola auga, pero se a queren que a leven antes de que caia. Nas últimas décadas, só o Prestige , só Núnca Máis, fixo ao Estado ollar cara nós ofrecéndonos un guiño inconcreto que denominaron solidariedade e que cheira a esmola. Esta deriva mediterránea consolídase na nova vulgata da Historia oficial, construida por un xesuíta profesor de Deusto, descoñecido nos ambientes académicos. Esa Memoria de España que proxecta a cadea pública en tempo electoral volta aos vellos clichés e recupera a uns celtíberos españois (desaparecidos dos manuais coa Lei Xeral de Educación e que críamos esquecidos) que patrimonializan a pegada céltica no centro da Península e esquecen a cultura castrexa alén do río do esquecemento, do Limes-Limia-Lima. A Zapatero, para recoñecer o abandono que di querer paliar, non se lle ocorre nada millor que reacuñar o termo Noroeste como se os galegos non fósemos máis que parte dun cuadrante nun mapa meteorolóxico. Mágoa que Pepe da Ulloa, o dos vellos Pazos da Pardo Bazán, non lle corrixa o seu erro. España é tan mediterránea que cando neva no Norte atráncanse as autoestradas. Será por iso que o BNG, co 1'3% dos sufraxios nas últimas eleccións xerais, desapareceu como se dunha cornixa se tratase dos pronósticos electorais dalgúns xornais madrileños que si inclúen partidos como ERC ou Coalición Canaria que non superaron o 1%. A hora galega é a mesma que a de Portugal, a de Irlanda e a de Canarias, sempre unha hora menos, pero non na historia senón no reloxio biolóxico. Aforrariamos muita reuma se lograramos mudar esa hora.