BOTEMOS contas: 990 horas entre 365 días que ten o ano tocan a case tres horas diarias de televisión, que é o que se supón que botan os nosos fillos menores de 12 anos diante da pequena pantalla, segundo un recente estudo promovido polo Consello do Audiovisual de Cataluña. Outros informes, non menos recentes, aumentan o consumo en media hora: 1.170 (Díaz Nosty), máis tempo que na escola, pois na tele non hai vacacións, e bastante máis do que adicamos os pais a falar con eles na casa. Curiosamente, cando máis novos, máis horas de pantalla. Certas estratexias de programación calculan de tal xeito os horarios que algúns estudiosos definen o medio televisivo como unha «segunda guardería», cando non primeira, aparcadoiro masivo de infantes. «É o único xeito de telos tranquilos», recoñecen algúns pais. Recentemente, invitáronme a falar nunha escola pública e observei, abraiado, como rapaces de doce e trece anos referíanse a programas como Crónicas marcianas, La isla de los famosos, Gran Hermano ou Salsa Rosa , por citar algúns casos, cun coñecemento de causa, citando nomes e personaxes, que sinceramente me impresionou, pois non o esperaba. «¿A que hora se deitan estes nenos?», pensei, tendo en conta que ao día seguinte tiñan que madrugar. «¿Quen consinte que isto suceda?». Un recente estudo, en Inglaterra, preguntou aos adolescentes polos personaxes que consideraban máis importantes ou influintes nas súas vidas. En primeiro lugar, ampliamente destacado, aparecía o futbolista Beckham. Xesucristo estaba por debaixo do posto cen. Shakespeare ou Einstein nin aparecían. Non son eu dos que magnifican os valores tradicionais, cada tempo histórico ten os seus, certamente, pero algo está pasando. E alguén debería empezar a asumir en serio a responsabilidade. O 97 por cento da poboación consume decote televisión. A TV é a fonte de información (ímolo dicir así ) máis importante das nosas vidas. Nalgúns casos é a única fonte, por riba da radio (61 por cento), por riba da prensa (34 por cento) e moi por riba dos libros (o 19 por cento no mellor dos casos). Digo fonte de información e debería engadir, xa que logo, fonte única de valores, comportamentos, referencias sociais, socialización. A imaxe norteamericana do comedor de palomitas facendo zaping durante horas diante da pantalla doméstica, cunha oferta de douscentos canais á súa disposición, brincando de programa en programa, partidos de futbol, videoclips, teleseries baratas (que circulan nos mercados internacionais a prezos de chambo), realitys-shows, telepredicadores e productos varios de consumo rápido, está bastante máis próxima a nós do que imaxinamos. Ese mesmo televidente, personaxe típico da sociedade opulenta narcotizada, escandalizábase hai pouco dos senos espidos dunha cantante e aceptaba a retransmisión en directo de execucións supostamente exemplares. Como na Idade Media. Repito, algo está pasando. A proposta de abordar en serio a organización da TV pública, que os candidatos ás eleccións de marzo veñen facendo estes días, é moito máis urxente e necesaria do que parece. Non estou por ningún tipo de censura. Falo de equilibrio, de servicio público, que é o principio básico dun medio que financiamos entre todos. E falo de valores, que hai que saber afrontar na escola e na familia. Aí está o problema de fondo: unha escola que non acaba de afrontar a nova realidade (¿para cando a incorporación dos medios de comunicación de masas como materia de estudo e reflexión crítica?) e unha estructura familiar acomodada, desorientada, cada vez máis vulnerable, que non acaba de asumir a súa parte de responsabilidade. Queda un terceiro factor: o poder político, principal beneficiario dunha situación que, na medida en que estupidiza deste xeito aos individuos, elimina a súa capacidade crítica de reacción e os neutraliza.