Hai risas tristes

| MIGUEL SANDE |

OPINIÓN

25 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NON SEI moi ben como empezar este artigo. Recoñezo que non é bó sinal. Decidín ser natural, sen mais; sen outra pretensión. Comecei a escribilo deixándome levar por un impulso na cafetería, en Viveiro, ollando tranquilamente as augas mortas da ría esta mañá, despois de ler o artigo de Juancho Martínez sobre as risotadas de algúns xornalistas diante dunha gracia do ministro Federico Trillo. A broma do euro, xa saben. Xa sabedes. Non sei se vós, xornalistas tamén, teredes a mesma sensación, pero dun tempo a esta parte sinto que -como diría- queren anular a nosa personalidade como tais. Como se alguén se empeñase en anulala e nós consentísemos. Como se fósemos só instrumentos útiles para a transmisión de ideas e intereses: útiles, sempre e cando sexamos transmisores fieis. Sen máis. Que non se nos ocurra observar, interpretar e, aínda menos, preguntar. Se nos deixan. Porque ás veces nen sequera nos deixan preguntar. O pior é aínda cando nos permiten preguntar só o que queren xustamente que preguntemos. E nós preguntamos iso xustamente. Como se faltase iniciativa propia: valentía. Ou verdade, se se quer. Penso, así, co café, vendo estas augas mortas, que a risotada de algúns xornalistas diante da broma de Trillo daría para organizar un congreso e analizar actitudes: entre os que riron e os que non; e os que aínda sen rir, non marcharon. Calaron. Non tiveron o valor ou a palabra para defender a unha compañeira humillada. Ou burlada. ¿Entre cais nos situamos? Que cada quen faga a súa análise, como neses tests que saen nas revistas á final de algunha reportaxe, e conclúa.