A LINGUA é o que ten. Rapidamente xera unhas imaxes cotiás que perviven ao longo de anos sen que saibamos a súa orixe. En galego, por exemplo, para referírmonos a alguén que ten moito diñeiro dicimos que está podre de cartos, da mesma maneira que en castelán está podrido de dinero. En realidade, o adxectivo galego podre é moi fructífero, se atendemos ao seu uso. Cando aparece acompañado da preposición de indica 'abundancia', como na frase comentada. Dicimos que alguén está podre de cartos ou que algo está podre de merda, isto é, que 'está cheo de'. En orixe podre refírese á 'materia orgánica que se encontra en descomposición' (froita podre) ou a algo que 'cheira mal, que fede' (peixe podre). A partir deste significado foi adquirindo outros na lingua ata ser sinónimo de sucio, noxento, dependendo do contexto. Así, mesmo no castelán de Galicia, xorden frases como: No te apoyes en el coche, que lo tengo podre; Tienes el abrigo podre, etcétera. Ben é certo que esta forma tamén existe en castelán, pero como substantivo feminino e cun significado moito máis restrinxido: la podre ('putrefacción de algunas cosas'). Ten esta mesma categoría, pero con xénero masculino, o podre galego cando fai referencia á 'parte putrefacta dalgunha cousa' ( o podre da mazá). Son, pois, alleas á nosa lingua as formas *podrido(a) e *pudrir, que cómpre substituír, respectivamente, por podre e podrecer. Este verbo alterna con apodrentar 'facer que algo podreza', 'facer que unha cousa se corrompa, se deteriore, se estrague'. De aí que tamén sexa válido o adxectivo podre para indicar que algo está 'corrompido, apodrentado': O sistema está podre. Cómpre subliñar, por característico da nosa fala, o uso deste adxectivo na frase poñer podre (Puxeron podre ao árbitro), que estendida ademais ao noso castelán (poner podre), amplía as posibilidades expresivas da lingua.