HAI QUE recoñecer que non o teñen fácil os gais e as lesbianas. E non falo xa das súas escasas posibilidade para adoptar fillos, senón que me refiro a que nin sequera deber resultarlles fácil vivir. Sobre todo porque agora a homosexualidade, que existe desde que existe a humanidade, ten que dar o paso definitivo que traslade o seu recoñecemento desde o ámbito privado ao ámbito público. E iso, sen dúbida, é o que non tolera un desfasado sistema de valores que se escandaliza e defende ideoloxías que supoñen marxinación de xénero e que, daquela, representan actitudes homófobas. Ese rancio sistema de valores que, coma sempre, se arremuíña arredor da dereita española e o seu brazo militar, a igrexa, non acepta socialmente o que, desde sempre, é normal na intimidade. Porque sería hipócrita negar que mesmo dentro do seu propio corpo existiu, existe e existirá a homosexualidade. E se os gais teñen problemas para vivir en paz, como se pode observar con esa parella de homosexuais ingleses que acaba de denunciar presións do entorno escolar sobre os seus fillos nun colexio de Torrevieja, moito máis difícil aínda o teñen as lesbianas, pois elas suman á súa desprestixiada orientación sexual unha discriminación histórica herdada da súa simple condición de muller. Precisamente por ese motivo, a sentenza da xuíza navarra que lle concede a patria potestade de dúas nenas xemelgas á nai biolóxica e, ao mesmo tempo, á súa compañeira sentimental, equiparando a entidade xurídica das parellas lesbianas á das parellas heterosexuais, supón un importante paso adiante no recoñecemento público dos seus dereitos nesta España gobernada por ministros que impoñen a relixión no sistema educativo, que favorecen o ascenso de militares de pasado golpista, e que se negan a recoñecer os dereitos dos homosexuais como se fosen estraños seres, indignos de consideración, que tivesen ben merecida a súa marxinación social. Evidentemente, hoxe é posible lexislar en contra da homosexualidade (como en contra da ciencia). O que non é posible é deter o tempo; e por fortuna o tempo, que avanza imparable, xoga socialmente a favor dos inalienables dereitos dos gais e das lesbianas. Porque privalos dos seus dereitos (de todos e cada un dos seus dereitos) só ten un nome: discriminación.