Adeus, Darwin

| MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

DESPOIS de Dolly xa era previsíbel: acaban de clonar embrións humanos. Iniciamos o século XXI coa perspectiva dunha humanidade autónoma, racional e responsábel, unha humanidade que, liberada do azar da natureza, vai sobrevivir e superarse. Cando a Igrexa aínda vén de recoñecer as teorías darwinistas, a ciencia consegue dar o gran salto para romper definitivamente a cadea biolóxica evolucionista. Desde as orixes, a creación propia, a sabiduría, foi a principal aspiración humana. Nos mitos comprobamos como os deuses castigaban todo intento de emancipación. As relixións, por moito que se outorguen o dominio do sobrenatural, detentan un gran poder secular para impedir a liberdade humana e a superación das ataduras naturais. Neste alborear que se inicia, as mulleres serán especialmente beneficiadas. O natural é o feminino. O que nos une aos animais, ás femias vivíparas, é parir coma elas. Esta característica é a base da explotación das mulleres e o que máis condicionou a súa desigualdade. A Aristóteles deulle o argumento para calificar o masculino como principio activo e o feminino como receptáculo pasivo, como materia. Hai máis de 50 anos que Simone de Beauvoir lamentaba que «a nai..., collida nas redes da natureza, é planta e besta,... ela non fai verdadeiramente a criatura, senón que a criatura faise nela. As creacións que emanan da liberdade conciben o obxecto como valor e revístenno dunha necesidade. No seo maternal, a criatura é inxustificada, non é máis que unha proliferación gratuíta, un feito bruto do que a continxencia é simétrica da da morte». Nesta descrición crúa da realidade, Simone desexaba que as mulleres poidesen ser nais doutra maneira. A civilización consiste en emanciparse da natureza. Aproxímase a completa ilustración que, según Kant, é saírmos da minoría de idade. Cómpre aledarse en lugar de asustarse. Certamente, existe un desfase entre a ciencia e os sistemas éticos que convén equilibrar, pero non é renegando daquela como mellorarán estes.