Non dar pancada

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

falar.ben@lavoz.es ESA BEN podería ser a filosofía de vida dalgúns que coñezo e que canto menos fan menos queren facer. E esa foi a primeira expresión que se me veu á cabeza onte para describir o significado dese estilo de vida, antes que outras formas tan estendidas na lingua como non dar golpe. Neste caso tamén, e para sorpresa seguro de moitos, a construción non dar pancada pertence á lingua galega. Pancada aparece definida nos dicionarios con máis ou menos precisión, pero en case todos está presente a palabra golpe. En 1876 Cuveiro explica que se trata dun ?golpe dado con el pié ó con algunha cosa ancha, correa, etcétera?; en 1884 Valladares defínea como ?golpe dado con vara?; anos máis tarde no Eladio (1958-1961) descríbese como ?golpe dado con el pie, tropezón, tropiezo?, e así ata hoxe en día, que ten o significado de ?golpe en xeral?, practicamente o mesmo que recolle o DRAE en castelán: «En Galicia, ?golpe brusco?». O substantivo portugués pancada úsase con idéntico sentido: «Hierro está com o joelho direito inchado após receber uma forte pancada na região no jogo contra o Leeds», líase nunha información deportiva de hai xa uns anos. Na lingua común, pancada é sinónimo de mocada, trancazo, trompada...: «¡Hai que ver que mocada se deu contra a porta!», «¡Levou unha trompada na cara!», «¡Deuse un trompazo no coche!», etcétera, pero é sobre todo nas construcións non dar pancada e non facer pancada como máis a empregamos na actualidade: «O rapaz non dá pancada», é dicir, ?non dá golpe?, ?non fai branca?, ?non fai nada?, ?non dá unha?, ?non traballa?... Para moitos, toda unha filosofía de vida.