Ciberataques

| FRAN ALONSO |

OPINIÓN

EN 1984 William Gibson, un escritor norteamericano dese xénero maiormente baleiro que é a ciencia ficción, acuñou o termo ciberespacio . Coa súa narrativa, a ciencia ficción instalábase na pantalla do ordenador e a información convertíase na principal mercadoría de intercambio. Desbordado pola realidade, Gibson decidiu na súa última novela converter o presente en ciencia ficción partindo do 11 de setembro. Hoxe, Internet, ese abraiante burato negro, é un universo infinito que deixa atrás moitas das fantasías que el soñara. E por ese universo inmenso, que dá pé a un novo analfabetismo funcional, seguramente dramático no futuro, pululan xa os ciberdelincuentes. Así é como se denomina aos que falsean números de tarxetas de crédito a través da rede, acceden clandestinamente a zonas de información restrinxida ou crean e lanzan virus informáticos. Esa é unha das consecuencias da sociedade cibernética, na que o intercambio de información é un valor cada vez máis estratéxico e na que un virus informático actuando, por exemplo, sobre unha base de datos, pode causar danos cuantiosos nunha pequena ou gran empresa. É o que sucede co Mydoom, ese virus de incógnita orixe que está a provocar estragos nos ordenadores de todo o mundo e que só nas súas 36 primeiras horas invadiu a rede con cen millóns de correos electrónicos infectados. Evidentemente, a sociedade informática actual conleva tamén que determinadas actitudes teñan unha explicación ideolóxica: o virus Mydoom é visto con distintos ollos polos que están en contra das grandes compañías informáticas como Microsoft ou SCO (ás que ataca preferentemente), que controlan a maior parte do mercado do software para ordenadores, que polos que están a favor do software de uso libre e gratuíto; de feito, neste marco hai que situar moitas actuacións dos piratas informáticos. Con todo, o Mydoom chega tamén a milleiros de ordenadores persoais ou profesionais, causando os mesmos danos. Incluso hai quen asegura que forma parte dunha estratexia para acumular enderezos de correo electrónico que logo son empregados para enviar publicidade. Dado que hoxe xa sería inconcebible un mundo sen Internet, seguramente embrión dun futuro abraiante, estamos obrigados a pensar o seu uso de xeito crítico e racional, tal unha ferramenta xenerosa coa liberdade dos seres humanos.