Liberdade de expresión

OPINIÓN

NA ENTREGA dos Goya falouse da liberdade de expresión artística para defender ó director de La pelota vasca. Coido que o caso Medem é un bo exemplo da liberdade de expresión alcanzada neste país. ¿Ninguén recorda que para ver O gran dictador de Chaplin tiñamos que pasar a Francia? ¿Que Buñuel, premio de Cannes con Viridiana , non conseguiu que fose distribuída en España? Daquela non había liberdade de expresión e pedila podía custar moi caro. Pero agora Medem puido facer a súa película, disfrutar da subvención correspondente, distribuíla, exhibila en cines de toda España e ser nominado para un Goya. Eso é liberdade de expresión. Tamén o é que no pasado ano a xente do cine se dedicase a criticar a guerra de Iraq en presencia da ministra de Cultura que paga o espectáculo. Pero tamén é liberdade de expresión que algúns entrevistados para a película, como Antonio Elorza, retiren a súa colaboración e denuncien que foron obxecto de manipulación por parte de Medem. E non é liberdade de expresión intentar reprimir as críticas que suscita a película. A mesma liberdade que el tivo permite ás víctimas de ETA que se sinten mal tratadas polo documental manifestar publicamente o seu rexeitamento. A xente do cine, para defender, con evidente corporativismo, a Medem, ponse a pedir algo do que xa disfrutamos... excepto en Euskadi. Se fosen consecuentes deberían ir ó País Vasco a pedir esa liberdade, porque é alí onde falta. Deberían recordar que, por expresar as súas ideas en público, profesores da universidade vasca son ameazados de morte e teñen que ir pola vida con escolta. Deberían recordar que moita xente veuse obrigada a deixar a súa terra por discrepar co nacionalismo separatista. É unha frivolidade irritante pedir en Madrid e para a xente do cine unha liberdade de expresión artística que ninguén lles negou , cando á porta do espectáculo hai xente pedindo que ETA deixe de matar. Nesta ocasión o cine español non estivo á altura das circunstancias.