En xaxún

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

ESCRÍBEME un lector interesado en que explique unha expresión que, por cousas da vida, atopou nun hospital e que, esta vez por ignoracia do idioma galego, non puido descifrar. Segundo este lector, é habitual que nas camas dos pacientes ingresados se poñan carteis nos que aparece a forma galega: «En xaxún», co fin de avisalos para seguir o protocolo regulado en cada caso. A palabra galega xaxún, da que tamén existe unha variante non estándar ?xexún?, aplícase co significado de ?abstención de tomar alimentos ou bebidas, ás veces por devoción ou por precepto eclesiástico? e figuradamente co de ?renuncia por parte de alguén a algunha cousa?. Deste xeito, a locución adverbial en xaxún que atopamos nos preceptos dos médicos é equivalente a ?sen almorzar?, é dicir, sen tomar a primeira comida do día. Para os galegos, o almorzo. De xaxún, do latín ieiunium, derivou o verbo xaxuar ?absterse parcialmente de comer ou beber?: «No mes do Ramadán os musulmáns comezan a xaxuar». Cómpre distinguir xaxuar de almorzar, pois os significados son totalmente contrarios. O verbo xaxuar tradúcese en castelán como ayunar, mentres que o verbo galego almorzar correspóndese co tamén castelán desayunar. O galego almorzar, a diferencia do que moitas persoas cren, non é equivalente a xantar (?tomar a comida do mediodía?), senón que se emprega co significado de ?tomar a primeira comida do día despois de erguerse?: «Almorza café todos os días». Ora ben, cando nos referimos á comida que se fai ao mediodía, en galego cómpre usar tanto para o substantivo como para o verbo a forma xantar: «¡Está bo este xantar!»; «Vou xantar lacón con grelos». Almorzar, xantar, cear... todos traen como consecuencia o mesmo problema. Xa o di o refrán: «Cando comía, todo a miña muller mo escondía; e agora que non podo comer, todo mo deixa ver». ¡Que aproveite!